As gaivotas que habitualmente podemos ver en Santiago de Compostela son as gaivotas patiamarelas (Larus michahellis), as máis comúns por aquí e que mesmo aniñan nos tellados de moitos edificios. Agora ben, en ocasións, particularmente agora en plena migración primaveral, temos a oportunidade de observar outras especies que como a gaivota escura (Larus fuscus) -gaviota sombría en castelán- están migrando dende o sur cara ao norte, onde crían (nun senso amplo, pois esta especies tamén aniña en baixo número nalgunhas illas galegas).
Cómo se poden distinguir? moi sinxelo no caso dos adultos e subadultos, son iguais ás comúns patiamarelas pero o seu dorso é moito máis escuro, como o seu nome en galego indica.
Onde velas? o mellor é ir a eses lugares da cidade que fan ás veces de pequenos humidais que tanto lles gustan ás gaivotas e a outras aves acuáticas, por ex. ao lago do Parque da Música, a carón do Auditorio de Galicia. Ou levantar a vista e ver como pasan en grandes grupos, en ocasións mesmo formando un V, en dirección norte.