A gaivota escura

As gaivotas que habitualmente podemos ver en Santiago de Compostela son as gaivotas patiamarelas (Larus michahellis), as máis comúns por aquí e que mesmo aniñan nos tellados de moitos edificios. Agora ben, en ocasións, particularmente agora en plena migración primaveral, temos a oportunidade de observar outras especies que como a gaivota escura (Larus fuscus) -gaviota sombría en castelán- están migrando dende o sur cara ao norte, onde crían (nun senso amplo, pois esta especies tamén aniña en baixo número nalgunhas illas galegas).

Cómo se poden distinguir? moi sinxelo no caso dos adultos e subadultos, son iguais ás comúns patiamarelas pero o seu dorso é moito máis escuro, como o seu nome en galego indica.

Onde velas? o mellor é ir a eses lugares da cidade que fan ás veces de pequenos humidais que tanto lles gustan ás gaivotas e a outras aves acuáticas, por ex. ao lago do Parque da Música, a carón do Auditorio de Galicia. Ou levantar a vista e ver como pasan en grandes grupos, en ocasións mesmo formando un V, en dirección norte.

Un exemplar de 3-4 anos. Nestes días, no lago do Parque da Música atopamos estes 2 exemplares

Un exemplar de 3-4 anos. Nestes días, no lago do Parque da Música atopamos estes 2 exemplares

Aquí temos en primeiro plano unha gaivota escura adulta  e detrás as patiamarelas

Aquí temos en primeiro plano unha gaivota escura adulta e detrás as patiamarelas

O corvo mariño grande

Como xa teño comentado nalgunha ocasión, unha das cousas que lle “falta” a Santiago de Compostela, en relación a outras cidades -de Galicia ou doutros lugares- é unha gran zona humida próxima. A modo de exemplo, A Coruña, Pontevedra ou Vigo, ben están nunha ría, ben nas súas inmediacións,  Lugo e Ourense contan co río Miño. En Santiago de Compostela temos dous pequenos ríos e un pequeno lago artificial no parque da Música, a carón do auditorio de Galicia. Isto limita as posibilidades de observar aves acuáticas pero non as elimina. Así, inda que poida resultar sorprendente, na cidade é posible observar unha das súas aves máis comúns, non por elo menos interesante, que é dun bo tamaño!. E precisamente debido ao seu tamaño poderíamos pensar que o ten difícil para pasar inadvertida; pois non! a pesar diso e dos seus hábitos é unha especie ben discreta. Estámonos a referir aos corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo) – cormorán grande, en castelán-. Certo é que o seu número non é moi grande máis podemos velos sobrevoando o curso dos ríos ou mesmo descansando e pescando -pois son aves ictiófagas- no susodito lago. Para descansar e durmir empregan grandes árbores nos que permanecen pousados e, aquí chega o sorprendente, a pesar do seu tamaño son capaces de xuntarse nunha árbore sobre o tráfico e os peóns que circulan alleos a súa presenza uns metros máis arriba, tal e como ocorre nunhas grandes árbores próximas ao río Sarela en pleno barrio do Carme. En Santiago, como no resto de Galicia, os corvos mariños grandes son unha especie invernal, inda que algúns individuos pasan connosco todo o ano, así que quedan xa moi poucos días para observar estas aves pois a primavera xa está aquí.

Déixovos un par de fotos tomadas en Santiago. A primeira dun exemplar no lago do parque da Música e a segunda doutros dous no barrio do Carme.

Corvo mariño grande no lago do parque da Música

Corvo mariño grande no lago do parque da Música

Corvo mariño grande descansando no barrio do Carme

Corvo mariño grande descansando no barrio do Carme