Primavera: a ave do ano vai chegar

Que te declaren “ave do ano” significa que estás fastidiado. Non é como iso do “coche do ano” ou “cámara do ano” que ven a ser un recoñecemento da industria e dos usuarios de que es o vehículo máis chulo e innovador ou a cámara máis completa e de mellor relación calidade/prezo, non, para nada. Significa que es unha especie que vas de cranio directa á extinción ou a quedarte as portas dela. Significa que cada ano que pasa sodes menos conxéneres aledando o aire.

Así que imos gozar da primavera e imos permanecer atentos, tamén. Ben coñecido é que agora, xustamente, fan acto de presenza varias especies que pasan o inverno en África e que veñen a criar canda nós, aproveitando o bo tempo, os días longos… e a proliferación de insectos: xustamente o que lle da o seu sustento.

As andoriñas (Hirundo rustica) xa chegaron hai semanas e nas zonas rurais aínda é posible observalas. Elas foron ave do ano hai pouco así que se calcula que nunhas décadas desaparecerán de Europa se todo segue igual. Tamén resulta rechamante que xa está constatada a súa chegada a Europa máis temperá ano a ano por mor do quecemento global.

Este ano en Galicia tócalle á andoriña de cu branco (Delichon urbicum) -avión común en castelán- que ao igual que a súa curmá ven de África. As súas poboacións están a declinar así que foi escollida polos socios e socias da SGO.

Diferéncianse doadamente a nada que un se fixe. A de cu branco… ten o cu branco! Os seus niños tamén son diferentes. As andoriñas comúns adoitan facelo no interior das construcións e son moi completos, as das andoriñas de cu branco atópanse xeralmente baixo os beirados das casas.

Aquí tes un niño de andoriña de cu branco

Aquí tes un niño de andoriña de cu branco

Se vives nun lugar con andoriñas de cu branco, 2 cousas: 1. Goza deles e 2. Podes informar de onde están. Nós, en Santiago de Compostela coñecemos moi poucos niños. E ti? E por que pensas que están a desaparecer?

Unha andoriña común e unha andoriña de cu branco. Sabes cal é cal?

Unha andoriña común e unha andoriña de cu branco. Sabes cal é cal?

A gaivota escura

As gaivotas que habitualmente podemos ver en Santiago de Compostela son as gaivotas patiamarelas (Larus michahellis), as máis comúns por aquí e que mesmo aniñan nos tellados de moitos edificios. Agora ben, en ocasións, particularmente agora en plena migración primaveral, temos a oportunidade de observar outras especies que como a gaivota escura (Larus fuscus) -gaviota sombría en castelán- están migrando dende o sur cara ao norte, onde crían (nun senso amplo, pois esta especies tamén aniña en baixo número nalgunhas illas galegas).

Cómo se poden distinguir? moi sinxelo no caso dos adultos e subadultos, son iguais ás comúns patiamarelas pero o seu dorso é moito máis escuro, como o seu nome en galego indica.

Onde velas? o mellor é ir a eses lugares da cidade que fan ás veces de pequenos humidais que tanto lles gustan ás gaivotas e a outras aves acuáticas, por ex. ao lago do Parque da Música, a carón do Auditorio de Galicia. Ou levantar a vista e ver como pasan en grandes grupos, en ocasións mesmo formando un V, en dirección norte.

Un exemplar de 3-4 anos. Nestes días, no lago do Parque da Música atopamos estes 2 exemplares

Un exemplar de 3-4 anos. Nestes días, no lago do Parque da Música atopamos estes 2 exemplares

Aquí temos en primeiro plano unha gaivota escura adulta  e detrás as patiamarelas

Aquí temos en primeiro plano unha gaivota escura adulta e detrás as patiamarelas

Aproveita o tempo

Hai tempo que non actualizo o blog por falta de tempo. Agora ben, nestes días dánse unha serie de circunstancias que fan deles un momento realmente bo para observar aves en todas partes e tamén nas cidades.

Unha das cousas que máis sorprende aos que se aproximan por primeira vez á observación de aves é que isto das aves non só consiste en observar senón tamén en escoitar. As aves poden emitir moitos sons característicos de cada especie, tanto que serven para diferenciar especies entre si. Os cantos danlle  ás aves un atractivo definitivo. Ademais en lugares con moita vexetación e, polo tanto, pouco permeables á vista a identificación as aves polo seu canto é fundamental para saber que especies hai nun lugar concreto e cantos individuos de cada especie; é unha ferramenta fundamental en ornitoloxía.  Agora ben, diferenciar os cantos pode ser difícil. Si, admitámolo! hai persoas con un talento singular para os cantos dos paxaros. Pero, normalmente, debemos aplicarnos no traballo se queremos dominar esta habilidade.

IMG_0533Estes días son ideais porque coinciden varias circunstancias. Por un lado o incremento da temperatura, o soliño e os días máis longos disparan a primavera e polo tanto o canto das aves e, por outro lado, as árbores aínda non botaron as follas polo que permanecen durante uns días cun aspecto invernal. Así que é moi doado ir a calquera lugar, e localizar moitas diferentes especies ben coa vista ben polo canto e ter a posibilidade de realizar estupendas observacións ao tempo que escoitamos cantar a especie en concreto. Sen dúbida é o mellor xeito de aprender: é unha boa idea reforzar, logo, os coñecementos adquiridos con gravacións ou vídeos.

Deste xeito, nunha pequena carballeira case no centro da cidade e rodeada de rúas con persoas e edificios escoitamos e observamos varias especies en minutos mentres gozamos do sol: os páridos máis comúns como o ferreiriño negro (Periparus ater), o ferreiriño real (Parus major), o ferreiriño azul (Cyanistes caeruleus), e o ferreiriño rabilongo (Aegithalos caudatos); o gabeador común (Certhia brachydactyla), o pimpín (Fringilla coelebs), o xirín (Serinus serinus), a estreliña riscada (Regulus ignicapilla), o paporrubio (Erithacus rubecula), o merlo (Turdus merula), pombos (Coumba palumbus), as cornachas (Corvus corone), etc.

_DSC3791

_DSC3435

_DSC3809

Certhia brachydactyla _2

E son estas especies, precisamente, as máis comúns en medios forestais no norte da península Ibérica. Unha pequena clase práctica a carón de casa e pasamos a outro nivel de coñecemento.

Por se non fose pouco, a ausencia de follas nas árbores permítenos localizar doadamente niños de aves que, as veces, son realmente voluminosos como os das pegas (Pica pica) -urracas-. Pica pica niño

A qué estades agardando? Nuns días as condicións cambian!

Xa é primavera

Quizáis, o título deste post poida parecer un pouco atrevido de máis, sobre todo tendo en conta que vai frío dabondo e as chuvias, por se non tiveramos bastante, ainda non marcharon.

Pero obviamente falo de aves e para moitas delas o periodo reproductor, a primavera, xa comezou, timidamente, pero aí están iniciando unha nova tempada de cría. Mesmo algunhas aves que non están presentes na cidade no inverno, xa están a chegar. A cuestión é que chova ou vaia viruxe, moitas aves guíanse polo fotoperiodo para iniciar o periodo reproductor. Velaí os feitos:

Os xiríns (Serinus serinus) – verdecillos- comezaron a cantar xa hai uns 10 días. De momento son poucos e tímidos pero o seu canto é inconfundible.

Imaxe

As papuxas cabecinegras (Sylvia melanocephala) -curruca cabecinegra- da mata de silvas no camiño ao cole xa se fan notar co seu característico canto. Como característico é o canto dos ferreiriños reais (Parus major) – carbonero común-  que xa podemos escoitar en calquera parque

E as gaivotas patiamarelas (Larus michahellis), presentes todo o ano e que aniñan en moitos tellados da cidade xa toman posicións, perfectamente emparelladas, defenden o territorio e ainda lles queda tempo para facerse aloumiños e berrarlle ao vento.

 Imaxe

Así que xa sabedes, disfrutade axiña da primavera que logo pasa. E ademáis aínda podemos atopar algunha especie típica do inverno…

Vencellos!!

ImaxeEsta primeira entrada non podía ser para outra especie: o vencello (Apus apus), tamén coñecido como cirrio ou mesmo anduróns (en castelán, vencejos). Digo que non podía ser para outra especie porque se trata dunha netamente urbana – e rural, claro- que cos seus berridos enche o aire das cálidas noites de primavera e principio de verán. Tanto é así que o meu pasiaxe infantil xogando na rúa en esta época é indisociable das súas chamadas. É unha especie interesante por moitas razóns que contarei outro día. Hoxe quero resaltar que estamos a 7 de maio (7 de maio!) e ainda non chegaron  a Santiago das súas africanas áreas de invernada. Esto é insólito porque normalmente chegaban ao redor do 25 de abril, pero este ano co frío e a chuvia estanse a retrasar en serio.

Están ás portas de chegar, en canto o fagan notarémolo e contarei máis cousas sobre eles.