Para coñecer que especies de aves hai ou non no Concello de Santiago de Compostela, ofrécese unha lista descargable en PDF no que se recollen todas as aves observadas en Santiago de Compostela. A metodoloxía básica para confeccionar esta lista é a recopilación das aves observadas nos últimos anos no Concello – non só na zona urbana- e observacións que, nalgúns casos, poden ser cualificadas de excepcionais feitas por outros observadores e recollidas no Noticiario Ornitoxeográfico da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e que pode ser consultadas aquí.
Para aqueles “non especialistas” ou non afeitos a estas cousas das listas de aves compre facer algún apuntamento. O máis importante é matizar que se trata dunha lista de aves observadas, non unha lista de aves presentes. Esto quere dicir que nesta lista están incluídas especies comúns e outras excepcionais, escasas, raras e mesmo completamente accidentais na área considerada. Por outra banda xuntamos nun mesmo catálogo aves residentes (presentes todo o ano), aves estivais (presentes só en primavera e verán, xeralmente como reproducturas), aves invernantes (aves presentes so durante o inverno) e migrantes, é dicir, aves que só poden ser observadas durante os pasos migratorios en primavera -prenupciais- ou outono -postnupciais ou postreproductores-. E como diciamos, tamén aquelas especies de aparición excepcional, algunha delas, incluso sospeitosa de provir de escapes, é dicir de aves cautivas que se asilvestran. Así, feitos estes matices, o número de aves presentes en determinado momento do ano no Concello, ou na cidade, non é a lista completa, conformada por 110 especies.
Por último, cumpre dicir que non se tiveron en conta as aves ornamentais presentes en parques e xardíns, xeralmente anátidas, isto é, parrulos exóticos, gansos, etc cunha excepción, si consideramos o cisne mudo ou cisne vulgar (Cygnus olor) por ser esta unha especie introducida (en Galicia e moitos países europeos) que si pode ser observada en libertade.
Se se observan novas especies, actualizarase a lista periodicamente, polo que agradecemos información sobre novos avistamentos.
Podedes descargar o listado aquí.
Saúde e a disfrutar das aves!
Pingback: O listado das aves de Santiago de Compostela | Aves en Santiago de Compostela
Fantástico! É o que levo a buscar dende hai tempo. Para a xente que comezamos neste mundo é un apoio importante para recoñecer as especies avistadas. O que farei con ela e diferenzar de algún xeito (mesmo con cores) as invernantes, veraneantes, residentes e de paso.
Moitas grazas!!
Estupendo Jaime, alédome moito de que che sexa útil. Atento porque agardo actualizar a lista cun par de especies novas, algunha ben interesante. Un saúdo!