Novas especies!

Tras un parón de moitos meses, temos que dicir que en realidade non deixamos un só día de observar aves. Intensidade laboral e familiar dificultan poñer todo ao día.

Nesta ocasión retomamos a actividade comentado que hai dúas especies novas rexistradas en Santiago de Compostela.

A primeira, excepcional, é o picafollas bilistado (Phylloscopus inornatus) -mosquitero bilistado en castelán-, atopado polo amigo Xoán Diéguez. Esta especie ben merece algún comentario. Hai que dicir que se trata dunha especie que nidifica en Siberia. Si, estades a ler ben, en Siberia, no quinto pino, en bosques boreis. Ata non hai moitos anos era unha perfecta descoñecida en Europa Occidental, con moi limitados rexistros, máis aínda na península Ibérica. Porén algo cambiou nos últimos anos para a especie e comezou a ser unha especie habitual en diferentes puntos da península, tanto en paso migratorio como invernando que é o caso do exemplar atopado en Santiago de Compostela. Non está só, porque en Vigo, A Coruña, O Grove… acollen outros.

inor

A “aparición” deste e outros exemplares  en cidades precisamente, amosa claramente o interese que ten seguir as aves que aparecen nas cidades.

A outra especie é unha gaivota, a cana (Larus canus). Non é particularmente común inda que tampouco é rara. No litoral sempre podemos atopar algún exemplar durante o inverno inda que este ano, precisamente, están a aparecer algunhas máis do habitual. E un pouco menos común que poidamos vela nunha cidade.

Así, o total de especies que podemos atopar na cidade ascende a 113 especies. Non está nada mal.  Aquí tedes a lista nova.

As andoriñas dos penedos

Pode haber aves rupícolas en Compostela? pois claro!. As aves rupícolas son aquelas que, basicamente, viven en ambientes rochosos, ben cantís, ben pelouros… Pois para estas aves a zona vella é como un gran complexo rochoso con cantís impresionantes que ven a ser a catedral, e moitos rincóns. Neste caso deixo un video de hai unhas semanas onde as andoriñas dos penedos (Ptyonoprogne rupestris) gozan duns raios de sol nin máis nin menos que no Concello. O seú número era bastante elevado, duns 50, que non está nada mal. Lembrade que estas andoriñas son as únicas que pasan todo o ano con nós, isto é, non van a África a invernar.

Velas no entorno da Catedral é, precisamente, moi sinxelo, simplemente hai que fixarse.

Gato vs. pegas

Ben coñecido é que os gatos domésticos son uns grandes depredadores (oportunistas) de especies silvestres. Contabilízanse por millóns todos os anos as aves mortas por gatos domésticos. En todo o mundo… ou máis ben onde hai investigación ao respecto.

Pero non sempre unha escena de caza acaba con éxito. Neste caso un gato fronte a casa trata de capturar unha pega (Pica pica) – urraca en castelán- pero non o conseguen. Todo o contrio a voz de alarma das pegas escoitase a moita distancia e alarma a outros córvidos, non só pegas. Aí vos deixo un video grabado de xeito artesanal e de xeito espontáneo polo que a calidade non é espectacular.

Cousas que facer con nenas

Moitas nais e pais pregúntanse que facer coas criaturiñas durante as vacacións. Hai vida máis aló do centro comercial. E tamén hai vida máis aló de grandes desprazamentos. Unha das cousas que se poden facer, creo que xa o dixen máis veces, é descubrir a natureza na cidade e, en particular, as aves.

Un breve paseo polo Parque da Música e o seu lago artificial fai que pequenos e grandes poidan ver cousas coma estas sen esforzo ningún.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Un martiño peixeiro (Alcedo atthis)

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A garza real (Ardea cinerea)

 

E mesmo podemos telas realmente cerca!

O cambio climático está na rúa

Noutras ocasións xa teño falado dos picafollas. Aquí podemos observar dúas especies en diferentes momentos do ano, inda que poidan coincidir algúns días; aquí podedes lembrar isto.

Phylloscopus collybita

Pero nesta ocasión vou falar de algo un pouco máis insólito. Recentemente celebrouse en París o último cumio (seguro que non é o derradeiro) sobre o cambio climático. Ao mesmo tempo está en boca de todo o mundo o outono e o comezo de inverno que estamos a ter, con temperaturas excepcionalmente altas para a época, escasa precipitación e sen neve nas montañas. Toda estas condicións fan que unha especie invernante, común en todos os medios arborados, incluíndo no medio dunha rúa do ensanche compostelá, como o picafollas común (Phyllocopus collybita) -mosquitero común- teña un comportamento raro: cantar en pleno mes de decembro no medio dunha rúa, é dicir, un comportamento nupcial típico da primavera nos seus lugares de cría, non aquí, en plena invernada.  A cuestión é que non foi o único lugar. Pasou en Barcelona tamén, por exemplo. Nin tampouco é a única especie que nos está a advertir do que está a pasar: nalgunhas localidades galegas os lavancos (os parrulos) están a criar.

En definitiva, temos un problema gordo ao que non se lle pode apartar a vista nin o oído pois nos persegue mesmo polas rúas.

Que facer en decembro

O traballo e outras cousas mantéñennos lonxe das aves próximas e deste blog. Pero non por iso hai que pensar que non observamos aves en Santiago de Compostela.

gabián (Accipiter nisus) – gavilán- : é unha rapina pequena e, aínda que común, poucas veces visible debido ao seu sixilo. É moi común en cidades con moitos parques e xardíns e así, nas últimas dúas semanas vímola dúas veces. Parece pouco pero non está mal para unha especie tan discreta. A primeira observación foi nas Brañas do Sar onde un bonito macho contemplounos camuflado entre as sombras dun salgueiro. A segunda observación foi, nin máis nin menos, dende o patio do cole das nenas; foi fugaz pois estaba de caza perseguindo a un grupo de lavandeiras brancas (Motacilla alba).

Accipiter nisus _2

Un gabián en voo

 

O falcón (Falco peregrinus): xa temos falado moitas veces desta especie. Varias foron as ocasións en que o temos visto, unha delas, tamén dende o patio do cole ben cedo.

Os durmidoiros de lavandeiras brancas (Motacilla alba). Sorprendentes por moito que un os mire un ano tras outro. Ao serán hai que ir á praza de Galicia ou á de Vigo; nas escasas árbores que teñen durmen varios centos delas que se reparten o espazo urbano. Se cadra tamén vedes o falcón tratando de pillar algunha!

O día das aves

Estes días estase a celebrar o día mundial das aves e para celebralo traemos por aquí unha observación moi acaida: o papamoscas negro (Ficedula hypoleuca) non aniña en Galicia, si o fai noutros lugares da península Ibérica, pero uns días ao ano, en setembro pódese ver facilmente porque aparecen en migración cara ao sur de xeito masivo. Foi o que pasou hai unha semana xusto aquí, así que gozamos de varios deles. Pasaron uns días e xa non están, quizais xa están en África.

_DSC1371

Para saber máis: os papamoscas negros están a ser moi vulnerables ao cambio climático por un fenómeno que se chama asincronía: chegan a criar a Europa e cando máis necesitan os insectos para alimentar aos seus poliños non teñen porque ao adiantarse a primavera os insectos xa completaron o seu ciclo. O resultado son poladas máis cativas cada vez.