Durmidoiros, espectáculo invernal 3

O panorama dos dumidoiros de aves en inverno en Santiago de Compostela non estaría completo sen darnos un paseo por dúas céntricas e urbanas prazas. Son prazas áridas, pouco acolledoras, que poderíamos pensar que non teñen interese ningún para as aves, todo o contrario.

Referímonos ás prazas de Galicia e de Vigo, ambas céntricas e sustentadas sobre apardoiros subterráneos, cheas de tráfico de vehículos e persoas. Ben, nestas prazas atopamos algunhas árbores de pouco porte, escuálidas incluso pero suficientes para que nelas se instalen sendos dumidoiros de lavandeira branca (Motacilla alba). Son aves comúns, características de medios rurais e urbanos, coñecidas por todos, confiadas.

_DSC0310

Reunirse en durmidoiros tan netamente urbanos ten as súas vantaxes: evítanse os depredadores e a temperatura é lixeiramente superior. Dúas vantaxes definitivas para a supervivencia invernal. Contemplar estes durmidoiros non pode ser máis sinxelo e ao alcance de calquera, basta poñerse en calquera esquina da praza no serán. (Ambas prazas están agora sendo remodeladas polo que o estado dos durmidoiros é lixeiramente peor que outros invernos. Conservarán ás árbores que é o fundamental).