Pombos en outono? a Bonaval

 DSC_2629

Como xa teño comentado nalgunha ocasión, hai unha especie de ave urbana que ata hai, apenas, dúas décadas non o era: o pombo (Columba palumbus) –paloma torcaz, en castelán-. Sen dúbida a demografía da especie, por non falar da ampliación dos ecosistemas que pode empregar, cambiou substancialmente.

carballos bonaval

Carballos no parque: un microbosque no medio da cidade

Estes días hai determinados parques nos que podemos observar moitos, por exemplo, no parque de Santo Domingo de Bonaval. A clave de tal abundancia, respecto a outros lugares ou momentos, é a naturalidade deste parque. Santo Domingo de Bonaval conta con moitos carballos (Quercus robur) que son unha especie silvestre por moito que aquí se atopen no medio da cidade e confinados a un recinto relativamente pequeno, así que, como estamos en outono, a produción de landras é moi grande e esta é aproveitada con éxito polo pombos, que se poñen as botas.

Corolario: manter elevados niveis de naturalidade, mesmo en lugares tan humanizados como pode ser un parque urbano, é moi útil para favorecer a presenza de especies salvaxes, dándolles maiores oportunidades de supervivencia.

Así que xa sabedes: pombos en outono, a Bonaval.

O chan do parque está, estes días, tapizado de landras

O chan do parque está, estes días, tapizado de landras

Un conto de dúas pombas

Fágome eco aquí unha pequena entrada do BTO sobre dúas pombas (ou un pombo e unha rula) nos xardíns británicos. O primeiro que hai que dicir é que o Reino Unido ten unha tradición de observación de aves impresionante e actualmente máis de un millón de persoas observan aves neste país e colaboran con organizacións ornitolóxicas. Eso permite ter pequenos, en apariencia, programas de seguimento de aves que calquera humilde observador pode implementar; un deles é o de observación de aves en xardíns, o British Trust for Ornithology’s (BTO) Garden BirdWatch (de novo falamos de aves en ambientes urbanos). Este programa permite ver cómo a rula turca (Streptopelia decaocto) -tórtola turca-, sofre unha caída de efectivos dende 2005 ao tempo  os pombos (Columba palumbus)– paloma torcaz- incrementan as súas poboacións en parques, xardíns e, en xeral, nas cidades. Están conectados estes dous feitos? intervén a trichomonosis (unha enfermedade das aves)? nesta ecuación? son cambios de uso do chan no entorno? ambos -ou máis- factores combinados?

A cuestión é que en Santiago de Compostela, atopamos ambas especies e o pombo é cada vez máis frecuente inda que non hai indicadores locais fiables… e non sabemos qué pasa coas rulas turcas! Queda pendente escribir un día dos pombos nas cidades

Aquí podedes ler o artigo orixinal.