O cambio climático está na rúa

Noutras ocasións xa teño falado dos picafollas. Aquí podemos observar dúas especies en diferentes momentos do ano, inda que poidan coincidir algúns días; aquí podedes lembrar isto.

Phylloscopus collybita

Pero nesta ocasión vou falar de algo un pouco máis insólito. Recentemente celebrouse en París o último cumio (seguro que non é o derradeiro) sobre o cambio climático. Ao mesmo tempo está en boca de todo o mundo o outono e o comezo de inverno que estamos a ter, con temperaturas excepcionalmente altas para a época, escasa precipitación e sen neve nas montañas. Toda estas condicións fan que unha especie invernante, común en todos os medios arborados, incluíndo no medio dunha rúa do ensanche compostelá, como o picafollas común (Phyllocopus collybita) -mosquitero común- teña un comportamento raro: cantar en pleno mes de decembro no medio dunha rúa, é dicir, un comportamento nupcial típico da primavera nos seus lugares de cría, non aquí, en plena invernada.  A cuestión é que non foi o único lugar. Pasou en Barcelona tamén, por exemplo. Nin tampouco é a única especie que nos está a advertir do que está a pasar: nalgunhas localidades galegas os lavancos (os parrulos) están a criar.

En definitiva, temos un problema gordo ao que non se lle pode apartar a vista nin o oído pois nos persegue mesmo polas rúas.

Advertisement

Os picafollas

En Santiago de Compostela, así como na maior parte do territorio ibérico, podemos atopar dúas especies de aves moi similares. Tanto que ata fai non moito pensábase que ambas especies eran a mesma e que únicamente diferían un chisco no seu canto.

Pero non, análises detallados demostraron que estabamos ante as dúas especies das que agora falao. Trátase do picafollas ibérico (Phylloscopus ibericus) e o picafollas común (Phyllocopus collybita) (en castelán mosquitero ibérico e mosquitero común respectivamente). Ónde está a cuestión logo? Ben, ambos comparten hábitat y hábitos, son doadamente observables, en calquera bosquete e mesmo en prácticamente calquera parque de Santiago de Compostela, incluso en xardíns pequenos, pero o picafollas ibérico cría no norte e oeste da Península Ibérica (a grandes rasgos) mentres que o picafollas común está restrinxido como nidificante ao noreste (de novo xeralizando) e é a típica especie de picafollas de ampla distribución no resto de Europa. Agora ben, os picafollas ibéricos invernan en África mentres que moitos picafollas comúns invernan precisamente na península Ibérica. Un pouco de lío, non?. Pero aínda hai máis. Xusto nestes días de marzo no que chegou o bo tempo moitos picafollas comúns -dos que non crían aquí- poden ser escoitados cantando como se iniciaran xa a súa reprodución. E exactamente iso está a pasar agora en Santiago de Compostela! Dentro duns días marcharán os comúns, chegarán os ibéricos e non poderemos asistir a este pequeno lío.

Distinguir ambos picafollas de vista non é tarefa doada. Ambos son moi semellantes e mesmo hai individuos prácticamente indiferenciables. Máis se temos en conta que non sempre son observados a curta distancia ou con boas condicións de luz. Polo que precisamente o xeito máis doado de diferencialos é o seu canto. O picafollas común recibe en inglés o nome de Chiffchaff e ise é xustamente o seu canto chif-chaf. O picafollas común fai tamén un chif-chaf pero con adornos cara ao final. Sinxelo. Aquí tendes cantos de picafollas común e aquí ibérico.

O paxaro que encabeza este blog é precisamente un picafollas común. Para aqueles que queiran saber máis sobre picafollas, en particular do ibérico, recomendo o estupendo libro no que participaron varios compañeiros e amigos “El mosquitero ibérico“, do que me permito reproducir unha das súas estupendas láminas coa imaxe do picafollas ibérico.

lc3a1mina

Aproveito para dicir que tras case 4 meses de chuvia constante e falla de luz, estes días de anticiclón repentino con temperaturas suaves e gran cantidade de luz son días perfectos para saír e observar aves… ou mellor aínda, escoitalas. Non perdades esta oportunidade!