Unha especies máis e outra que volve

 Pois resulta que hai unha especie de frinxílido (pimpíns) que chama a atención polo seu tamaño e, especialmente, o tamaño do seu bico, realmente grande. De aí o seu nome bicogroso (picogordo en castelán) (Coccothraustes coccothraustes). En Galicia é moi escasa como nidificante e moi localizada, apenas algunha localidade en Ourense. Á península Ibérica chegan moitos exemplares procedentes do norte durante o inverno e este é excepcional para a especie. Vense en grandes cantidades e en moitos lugares diferentes da península, tamén en Galicia con diferentes localidades de observación cousa que non é frecuente en absoluto.

Pois ben en Compotela acaban de aparecer xusto no Campus Universitario sur. Non se deixan ver moi ben pero aí están. Hai que gozalos porque non son frecuentes e quen sabe cando van volver a visitarnos. Fixádevos que o seu aspecto é inconfundible.

_DSC7597

E o picafollas bilistado (Phylloscopus inornatus) regresou exactamente ao mesmo parque urbano. Esta especie que nidifica en Siberia era, ata hai nada, unha rareza por aquí. O feito de que estea de novo entre nós, se cadra, indica que consolida esta área de Europa como zona de invernada. Quen sabe. A pregunta que, claramente, suscita é se este picafollas é o mesmo exemplar do ano pasado ou é outro diferente. Lembrade que é un paxaro duns gramos que viaxa entre Siberia e Compostela… a min paréceme asombroso.

_DSC6156

 

Advertisement

Novas especies!

Tras un parón de moitos meses, temos que dicir que en realidade non deixamos un só día de observar aves. Intensidade laboral e familiar dificultan poñer todo ao día.

Nesta ocasión retomamos a actividade comentado que hai dúas especies novas rexistradas en Santiago de Compostela.

A primeira, excepcional, é o picafollas bilistado (Phylloscopus inornatus) -mosquitero bilistado en castelán-, atopado polo amigo Xoán Diéguez. Esta especie ben merece algún comentario. Hai que dicir que se trata dunha especie que nidifica en Siberia. Si, estades a ler ben, en Siberia, no quinto pino, en bosques boreis. Ata non hai moitos anos era unha perfecta descoñecida en Europa Occidental, con moi limitados rexistros, máis aínda na península Ibérica. Porén algo cambiou nos últimos anos para a especie e comezou a ser unha especie habitual en diferentes puntos da península, tanto en paso migratorio como invernando que é o caso do exemplar atopado en Santiago de Compostela. Non está só, porque en Vigo, A Coruña, O Grove… acollen outros.

inor

A “aparición” deste e outros exemplares  en cidades precisamente, amosa claramente o interese que ten seguir as aves que aparecen nas cidades.

A outra especie é unha gaivota, a cana (Larus canus). Non é particularmente común inda que tampouco é rara. No litoral sempre podemos atopar algún exemplar durante o inverno inda que este ano, precisamente, están a aparecer algunhas máis do habitual. E un pouco menos común que poidamos vela nunha cidade.

Así, o total de especies que podemos atopar na cidade ascende a 113 especies. Non está nada mal.  Aquí tedes a lista nova.