Noutras ocasións xa teño falado dos picafollas. Aquí podemos observar dúas especies en diferentes momentos do ano, inda que poidan coincidir algúns días; aquí podedes lembrar isto.
Pero nesta ocasión vou falar de algo un pouco máis insólito. Recentemente celebrouse en París o último cumio (seguro que non é o derradeiro) sobre o cambio climático. Ao mesmo tempo está en boca de todo o mundo o outono e o comezo de inverno que estamos a ter, con temperaturas excepcionalmente altas para a época, escasa precipitación e sen neve nas montañas. Toda estas condicións fan que unha especie invernante, común en todos os medios arborados, incluíndo no medio dunha rúa do ensanche compostelá, como o picafollas común (Phyllocopus collybita) -mosquitero común- teña un comportamento raro: cantar en pleno mes de decembro no medio dunha rúa, é dicir, un comportamento nupcial típico da primavera nos seus lugares de cría, non aquí, en plena invernada. A cuestión é que non foi o único lugar. Pasou en Barcelona tamén, por exemplo. Nin tampouco é a única especie que nos está a advertir do que está a pasar: nalgunhas localidades galegas os lavancos (os parrulos) están a criar.
En definitiva, temos un problema gordo ao que non se lle pode apartar a vista nin o oído pois nos persegue mesmo polas rúas.