Santiago de Compostela, cidade de gaivotas

Retomamos a actividade do blog, logo dun mes, agosto, no que non estivemos por aquí. Observamos moitas aves, pero noutros lugares diferentes, as aves son viaxeiras natas e o observador de aves vai tras delas nunha sorte de peregrinación variable.

Comentabamos en datas anteriores, aquí e logo aquí, a nidificación de gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) sobre o Hospital Gil Casares. Pois ben, pouco antes de marchar de vacacións un pracenteiro e familiar paseo casual pola zona vella permitiunos descubrir nunha das prazas máis bonitas de Europa (non, non é o Obradoiro), máis polos de gaivota. Dende a praza da Quintana e sobre a non menos famosa Casa da Parra, poidemos ver como uns adultos se pousaban e, inda que non levabamos prismáticos, fumos quen de descubrir uns polos xa bastante medrados que teñen unha privilexiada e monumental vista dende o seu patio de xogos. Fotografiámolos cunha pequena cámara compacta polo que as fotos non son boas mais serven para ilustrar esta entrada.

Adultos sobrevolando e pousados nos edificios circundantes puxéronnos sobre aviso

Adultos sobrevolando e pousados nos edificios circundantes puxéronnos sobre aviso

Vista do tellado, se vos fixades, aí están os polos

Vista do tellado, se vos fixades, aí están os polos

poliños recortados

E os polos pedíndolle comida a un proxenitor

E os polos pedíndolle comida a un proxenitor

Sería interesante coñecer cántas parellas de gaivota patiamarela aniñan en plena cidade e qué éxito teñen na reproducción, quizáis cambiaramos un pouco a nosa percepción da cidade e os seus tellados.