Que facer en decembro

O traballo e outras cousas mantéñennos lonxe das aves próximas e deste blog. Pero non por iso hai que pensar que non observamos aves en Santiago de Compostela.

gabián (Accipiter nisus) – gavilán- : é unha rapina pequena e, aínda que común, poucas veces visible debido ao seu sixilo. É moi común en cidades con moitos parques e xardíns e así, nas últimas dúas semanas vímola dúas veces. Parece pouco pero non está mal para unha especie tan discreta. A primeira observación foi nas Brañas do Sar onde un bonito macho contemplounos camuflado entre as sombras dun salgueiro. A segunda observación foi, nin máis nin menos, dende o patio do cole das nenas; foi fugaz pois estaba de caza perseguindo a un grupo de lavandeiras brancas (Motacilla alba).

Accipiter nisus _2

Un gabián en voo

 

O falcón (Falco peregrinus): xa temos falado moitas veces desta especie. Varias foron as ocasións en que o temos visto, unha delas, tamén dende o patio do cole ben cedo.

Os durmidoiros de lavandeiras brancas (Motacilla alba). Sorprendentes por moito que un os mire un ano tras outro. Ao serán hai que ir á praza de Galicia ou á de Vigo; nas escasas árbores que teñen durmen varios centos delas que se reparten o espazo urbano. Se cadra tamén vedes o falcón tratando de pillar algunha!

Advertisement