Poden pasar inadvertidos tres polos -ben gordiños- sobre un tellado sen practicamente lugar onde agocharse? Si, poden!
Santiago de Compostela, ao igual que en moitas cidades, pobos e vilas, da península Ibérica está habitada por unhas aves singulares, as gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) – gaviota patiamarilla, en castelán-. Singulares porque moitas desas áreas urbanas non teñen o mar cerca e, en principio, esta especie de gaivota é unha ave característica de entornos litorais. Agora ben, con tal de ter algo de auga e boas fontes de alimentación poden vivir perfectamente nas áreas urbanas. E incluso chegar a nidificar, tal é o caso de moitas cidades e vilas galegas. Incluíndo Santiago. Aquí, esta especie criaba, ata non hai moito en diferentes tellados do casco vello, sendo francamente difícil avaliar a poboación nidificante de xeito preciso xa que para elo hai que ver as parellas e/ou os niños e iso é difícil se non tes acceso visual a todos os tellados da cidade. En Santiago de Compostela estímase a súa poboación en 10 parellas mentres que en Pontevedra, por exemplo, estimamos que hai unhas 60 parellas. En España estímase que hai un mínimo de 4.598 parellas. Non está nada mal.
O caso é que hai un par de anos, dende casa, viamos pasar moitas gaivotas pero con comportamentos territoriais, etc así que sospeitamos que tiñan que nidificar nun lugar próximo e pensamos qué tellado vello habería cerca (gustan de empregar tellados vellos, non os novos e lustrosos dos edificións máis modernos). Pronto dimos con el, nin máis nin menos que o tellado do vello Hospital Gil Casares, fronte ao moderno Hospital Clínico.
Así que este ano fumos ver en detalle cómo andaba a nidificación.

Pero a tarefa era moi dura porque aínda que estabamos a ver un adulto, non viamos poliños por ningures, así que empregamos o telescopio

E, francamente, estabámonos a desilusionar un pouco porque inda que observabamos ben o adulto, non había rastro de poliños. A Rubia continuaba enganchada ao telescopio e de pronto berrou “vexo polos, vexo moitos polos” completamente alporizada: acaba de descubrir ela soa, efectivamente, 3 polos de gaivota que, supoño eu, debían de estar escondidos tras unha das chemineas.

Inmediatamente despois apareceu o outro adulto cun gran display

Intentamos ver o outro lado do tellado, sospeitamos que podería haber máis parellas pero non atopamos ningún lugar con perspectiva.
Tamén o bo é que alí mesmo había un niño de merlo (Turdus merula), velaí o macho levando comida para os polos

Aínda vimos máis cousas no breve paseo (antes de que a chuvia volvera). Unha familia de pegas (Pica pica)

E xa na porta de casa, un polo volantón de rabirrubio (Phoenicurus ochruros) que mesmo pillou un insecto diante de nos.


E por último un macho de pardal (Passer domesticus) cun bo aporte para construír o niño.

A historia non rematou aquí. Ao día seguinte -hoxe- a Rubia confesou que as gaivotas eran os seus paxaros favoritos e que quería facer un seguimento detallado dos poliños. Queda moito traballo…