A finais de verán e principios de outono son moitas as especies de aves que emigran do norte ao sur, a África, e moitas delas pasan a carón nosa. Unha delas é un discreto paxariño, semellante a outros que aniñan entre nós, trátase do picafollas musical -mosquitero musical, Willow Warbler- (Phylloscopus trochilus). Aínda que algúns exemplares aniñan na península Ibérica, cría sobre todo cara a Europa continental, as Illas Británicas, Escandinavia, Siberia… pero migran por aquí en bo número a finais de agosto e mais setembro. Cando migran van alimentándose de insectos que atopan nun dos seus lugares favoritos, os fiúnchos -hinojo- (Feoniculum vulgare), esa pranta tan aromática con cheiro a anís tan coñecida por todo o mundo. Así que, se neste momento, vemos un picafollas nos fiúnchos hai moitas probabilidades de que sexa un musical.
Atopamos leiras que se ven cubertas en moitas ocasións de fiúnchos, mesmo nas cidades. En Compostela hai unha ben grande a carón do Centro Sociocultural de Santa Marta na que neste momento hai polo menos unha ducia de picafollas musicais, o que converte este pequeno descampada nun paraíso para esta especie, un lugar valioso e natural no medio da cidade, lugares que, no seu conxunto son importantísimos para a supervivencia das aves migratorias e que son denominados “stop-overs” algo así como “parada e fonda”. E importante telo en conta. Algunha xente ve nestes sitios “maleza”. Curiosamente a ninguén lle importa que nestes mesmos lugares se acumule lixo.