Durmidoiros, espectáculo invernal 4

O panorama dos dumidoiros de aves en Santiago de Compostela non estaría completo se non mencionamos o existente no campus sur da USC, próximo á facultade de Farmacia e nun lugar transitado e coñecido.

Nunhas poucas árbores pódense contar, sen dificultade, unha gran cantidade de grallas pequenas (Corvus monedula) – Grajillas-, en torno aos 40 exemplares, xunto cuns 70 exemplares de pega (Pica pica) – urracas-. Sen dúbida un bo durmideiro comunal de córvidos sendo os primeiros, as grallas pequenas, como xa temos dito noutras ocasións, unha especie que se ben non está en perigo, si que está en regresión e non é descartable que poida ser cualificada nun futuro de vulnerable.

_DSC6177_DSC6181

 A tarde escollida para visitar este durmideiro non era boa. Levamos máis de dous meses golpeados por fortes borrascas do Atlántico, ou cicloxéneses explosivas como agora lles din, e este día había unha ben forte polo que foi difícil tomar boas imaxes e mesmo a Rubia a duras penas suxeitaba os seus prismáticos coas súas pequenas mans que se enfriaban rapidamente.

Qué preguntou a Rubia

Isto deu lugar a algunhas serias reflexións: cómo son capaces de suxeitarse as aves nas polas das árbores con este vento sen caer? e cómo son capaces de durmir con semellante meneo?

Como se pode ver nestes vídeos, suxeitarse e durmir nestas condicións non parece doado. O de suxeitarse é sinxelo: as aves, botándose cara adiante, automáticamente pechan os dedos das patas, exercendo unha gran presión cun mínimo esforzo, isto é, sen gastar apenas enserxía. O de durmir xa é outra cousa. 

Durmidoiros, espectáculo invernal 3

O panorama dos dumidoiros de aves en inverno en Santiago de Compostela non estaría completo sen darnos un paseo por dúas céntricas e urbanas prazas. Son prazas áridas, pouco acolledoras, que poderíamos pensar que non teñen interese ningún para as aves, todo o contrario.

Referímonos ás prazas de Galicia e de Vigo, ambas céntricas e sustentadas sobre apardoiros subterráneos, cheas de tráfico de vehículos e persoas. Ben, nestas prazas atopamos algunhas árbores de pouco porte, escuálidas incluso pero suficientes para que nelas se instalen sendos dumidoiros de lavandeira branca (Motacilla alba). Son aves comúns, características de medios rurais e urbanos, coñecidas por todos, confiadas.

_DSC0310

Reunirse en durmidoiros tan netamente urbanos ten as súas vantaxes: evítanse os depredadores e a temperatura é lixeiramente superior. Dúas vantaxes definitivas para a supervivencia invernal. Contemplar estes durmidoiros non pode ser máis sinxelo e ao alcance de calquera, basta poñerse en calquera esquina da praza no serán. (Ambas prazas están agora sendo remodeladas polo que o estado dos durmidoiros é lixeiramente peor que outros invernos. Conservarán ás árbores que é o fundamental).