Aves en … Lugo

En ocasións para facer algo ben chulo non fan falla uns recursos espectaculares. O máis importante é o entusiasmo dun grupo de persoas que quixeron celebrar en Lugo o Día Mundial das Aves Migratorias. Aquí e aquí podedes ter algo máis de información sobre este evento internacional do que xa falei.

Razóns para facer unha celebración en Lugo, precisamente, hai moitas. Unha delas é que unha das aves migratorias máis fascinantes, da que xa din boa conta, os vencellos, cirrios ou anduróns -vencejos en castelán- (Apus apus), ten en Lugo, particularmente na súa muralla romana unha das colonias máis importantes de Galicia, senón a máis grande. Espectaculares bandos pasan a escasos centímetros das persoas que no serán pasean polo adarve. A cuestión é que este importante patrimonio histórico – e natural- precisa ser mantido: a vexetación medra nas súas grietas e hai que retirala. O triste é que ás autoridades non se lles ocurre mellor idea que facelo botando herbicida. E non so aves, a cantidade de lagartixas, por exemplo, que podemos (ou polo menos, podíamos) atopar é importante.  Así que o de onte foi un acto festivo pero tamén reivindicativo. Algún medio de comunicación recolle o evento.

Pola mañán houbo unha intervención artísitca de Luz Darriba e pola tarde, en representación da SGO,  fun guiar unha pequena excursión polo adarve para observar as aves e charlar sobre elas. Nuns poucos de metros poidemos ver algunhas especies ben chulas.

Imaxe

Grupo de entusiastas observadores de aves na muralla

Centrámonos en ver e charlar sobre vencellos: a súa vida, para quen a descubre, é sorprendente. Pasan con nos, criando, uns meses -de abril a xullo-, logo regresan a África. En toda a súa vida so se pousan para reproducirse, esto é nun niño que debe estar colgado nalgún edificio; aliméntanse, beben, durmen e copulan no aire, non é absolutamente asombroso? A gran cantidade de preguntas que suscitaron é boa mostra do fascinante da súa vida. Aquí podemos ver unhas cantas imaxes dos vencellos

ImaxeImaxeImaxeImaxe

Se ben, unha das especies que máis asombrou aos esforazados observadores (non é broma, o frío que ía era para pensalo) foi o falcón peregrino (Falco peregrinus). Dende finais dos 80 esta especie é común na cidade, chegando a criar, algún ano, na catedral, e noutras ocasións en diferentes edificios da cidade.

falcon lugo1falcon lugo pequenofalcon lugo 2Compre resaltar que observamos numerosas grallas pequenas ou corvos cereixeiros (Corvus monedula) – grajilla en castelán-. É este un córvido que ten por costume nidificar tamén en entornos urbanos, concretamente en vellos edificios e nas grietas dos novos como poidemos comprobar, inda que tamén podemos atopalo facendo niños en cortados rochosos do interior e da costa. Nos últimos anos, en Galicia, esta especie non está precisamente no seu mellor momento de conservación polo que foi declarada ave do ano 2013 pola SGO, sendo obxecto dun seguimento específico. En Lugo, afortunadamente, aínda parece unha especie frecuente que, confiada, permite deleitarse coa sua elegancia austera.

Imaxe

Pero ainda houbo máis: pegas (Pica pica), merlos (Turdus merula) que en Lugo teñen o nome de checorosas, pardais (Passer domesticus)…, e como postre, un millafre negro (Milvus migrans) – milano negro- outra ave migratoria que, seguramente, procedente das beiras do Miño, decidiu a dar un paseo urbán.

Imaxe

Lembrade que aquí podedes ver máis información sobre as aves urbanas en Lugo así como os mellores roteiros e lugares para observalas.

E, a miña noraboa ás organizadoras!