Hai tempo que non actualizo o blog por falta de tempo. Agora ben, nestes días dánse unha serie de circunstancias que fan deles un momento realmente bo para observar aves en todas partes e tamén nas cidades.
Unha das cousas que máis sorprende aos que se aproximan por primeira vez á observación de aves é que isto das aves non só consiste en observar senón tamén en escoitar. As aves poden emitir moitos sons característicos de cada especie, tanto que serven para diferenciar especies entre si. Os cantos danlle ás aves un atractivo definitivo. Ademais en lugares con moita vexetación e, polo tanto, pouco permeables á vista a identificación as aves polo seu canto é fundamental para saber que especies hai nun lugar concreto e cantos individuos de cada especie; é unha ferramenta fundamental en ornitoloxía. Agora ben, diferenciar os cantos pode ser difícil. Si, admitámolo! hai persoas con un talento singular para os cantos dos paxaros. Pero, normalmente, debemos aplicarnos no traballo se queremos dominar esta habilidade.
Estes días son ideais porque coinciden varias circunstancias. Por un lado o incremento da temperatura, o soliño e os días máis longos disparan a primavera e polo tanto o canto das aves e, por outro lado, as árbores aínda non botaron as follas polo que permanecen durante uns días cun aspecto invernal. Así que é moi doado ir a calquera lugar, e localizar moitas diferentes especies ben coa vista ben polo canto e ter a posibilidade de realizar estupendas observacións ao tempo que escoitamos cantar a especie en concreto. Sen dúbida é o mellor xeito de aprender: é unha boa idea reforzar, logo, os coñecementos adquiridos con gravacións ou vídeos.
Deste xeito, nunha pequena carballeira case no centro da cidade e rodeada de rúas con persoas e edificios escoitamos e observamos varias especies en minutos mentres gozamos do sol: os páridos máis comúns como o ferreiriño negro (Periparus ater), o ferreiriño real (Parus major), o ferreiriño azul (Cyanistes caeruleus), e o ferreiriño rabilongo (Aegithalos caudatos); o gabeador común (Certhia brachydactyla), o pimpín (Fringilla coelebs), o xirín (Serinus serinus), a estreliña riscada (Regulus ignicapilla), o paporrubio (Erithacus rubecula), o merlo (Turdus merula), pombos (Coumba palumbus), as cornachas (Corvus corone), etc.
E son estas especies, precisamente, as máis comúns en medios forestais no norte da península Ibérica. Unha pequena clase práctica a carón de casa e pasamos a outro nivel de coñecemento.
Por se non fose pouco, a ausencia de follas nas árbores permítenos localizar doadamente niños de aves que, as veces, son realmente voluminosos como os das pegas (Pica pica) -urracas-.
A qué estades agardando? Nuns días as condicións cambian!