Outras dúas especies

Actualizamos un chisco. Nos últimos meses dúas novas especies apareceron por Compostela.

Unha delas é a garzota (Egretta garzetta) -garceta común, Little Egret-. Onde ía aparecer máis que na “zona húmida” compostelana, no lago do Parque da Música a carón do Auditorio de Galicia?.

_DSC9729

Egretta garzetta (Garzota, garceta común, Little Egret)

A outra especie apareceu nun sitio un tanto insólito.  Existe un “novo” polígono industrial en Compostela que aínda non está ocupado por completo, é o Polígono da Costa Vella. Estes descampados son bos hábitats para especies de áreas abertas como as labercas (Alauda arvensis) pero ademáis, nesta ocasión, quedou unha zona que se enchoupa de auga e que desenvolveu algo de vexetación heliofítica. Un hábitat pequeno e marxinal entre unha autovía e unha rúa do polígono que acolle, sorpresa, o rascón (Rallus acuaticus) -Water Rail-. Trátase dunha especie moi doada de escoitar, o seu son é moi característico, pero moi difícil de observar, por esa razón non poño foto da ave inda que si do seu fogar.

IMG_5759

Actualizo logo a lista de aves de Santiago de Compostela que ascende xa a 115 especies.

Advertisement

Unha especies máis e outra que volve

 Pois resulta que hai unha especie de frinxílido (pimpíns) que chama a atención polo seu tamaño e, especialmente, o tamaño do seu bico, realmente grande. De aí o seu nome bicogroso (picogordo en castelán) (Coccothraustes coccothraustes). En Galicia é moi escasa como nidificante e moi localizada, apenas algunha localidade en Ourense. Á península Ibérica chegan moitos exemplares procedentes do norte durante o inverno e este é excepcional para a especie. Vense en grandes cantidades e en moitos lugares diferentes da península, tamén en Galicia con diferentes localidades de observación cousa que non é frecuente en absoluto.

Pois ben en Compotela acaban de aparecer xusto no Campus Universitario sur. Non se deixan ver moi ben pero aí están. Hai que gozalos porque non son frecuentes e quen sabe cando van volver a visitarnos. Fixádevos que o seu aspecto é inconfundible.

_DSC7597

E o picafollas bilistado (Phylloscopus inornatus) regresou exactamente ao mesmo parque urbano. Esta especie que nidifica en Siberia era, ata hai nada, unha rareza por aquí. O feito de que estea de novo entre nós, se cadra, indica que consolida esta área de Europa como zona de invernada. Quen sabe. A pregunta que, claramente, suscita é se este picafollas é o mesmo exemplar do ano pasado ou é outro diferente. Lembrade que é un paxaro duns gramos que viaxa entre Siberia e Compostela… a min paréceme asombroso.

_DSC6156

 

Estorniños vs falcóns

Actualizo o blogue con algunhas observacións dos últimos meses.

Nada mellor que ir observar o durmidoiro de estorniños que hai en Compostela en compaña da miña filla pequena. Claramente é un espectáculo ao alcance de calquera xa que nin prismáticos son necesarios para aprezar a fabulosa coreografía dos estorniños, marioritariamente estorniños pintos (Sturnus vulgaris) que invernan entre nós e pronto voltarán ás súas áreas de nidificación en latitudes máis septentrionais. Por se fora pouco dous falcóns (Falco peregrinus) tratan de capturar algún para a merenda o que provoca a coreografía. O resumo é “é como o pilla pilla”. Disfrutádeo.