As anduriñas de cu branco

Onte puidenlle amosar á maior as anduriñas de cu branco (Delichon urbicum) – avión común en castelán-. Non é que non as vira antes pero non de xeito tan detallado en Santiago. Trátase dunha andoriña, mais diferente ás que comúnmente aniñan no interior de cortes, establos e mesmo casas no rural. As anduriñas comúns (Hirundo rustica) teñen certas partes con coloracións de tonos cálidos (e mesmo sutilmente rosados na súa parte inferior), mentres que as andoriñas de cu branco son negras e brancas coa mitra (o cu, por arriba) desta cor. Mentres que as anduriñas comúns aniñan en lugares ben gardados, como dicía incluso dentro das casas, as andoriñas de cu branco fanno no exterior, normalmente baixo aleiros de tellados, balcóns, etc. O seu nome en inglés é House martin (do que tomaron o seu nome a mítica banda de Hull, os Housemartins a finais dos 80). Ademáis o niño presenta notables diferenzas tamén, é moito máis aberto, como unha cunca de almorzo partida á metade e pegada a parede nunha complexa obra de microenxeñería prodixiosa (non debe ser coña o cálculo dos vectores de forza se nos pretenderamos facer algo similar, empregando a lama como material construtivo).

O caso é que esta especie tamén aniña en cidades, vilas, aldeas e localmente é francamente común, especialmente se viaxamos a pobos do sur da Península Ibérica. En  Galicia aparece espallada por todo tipo de lugares (con máis querencia por áreas de montaña) pero sempre en cantidades limitadas e mesmo parece que está a sufrir unha rarificación; apúntase como causa deste declive a dificultade de atopar lama no entorno de vilas e cidades, quizáis, é unha mera hipótese, ao desaparecer o gando ceibe.

Onte atopamos unha parella non lonxe de casa ao final de Rosalía de Castro, pero seguro que hai algunha máis espallada pola cidade. Nese barrio periférico de Santiago de Compostela que é Bertamiráns resulta moi común no centro.

DSC_6435