Aproveita o tempo

Hai tempo que non actualizo o blog por falta de tempo. Agora ben, nestes días dánse unha serie de circunstancias que fan deles un momento realmente bo para observar aves en todas partes e tamén nas cidades.

Unha das cousas que máis sorprende aos que se aproximan por primeira vez á observación de aves é que isto das aves non só consiste en observar senón tamén en escoitar. As aves poden emitir moitos sons característicos de cada especie, tanto que serven para diferenciar especies entre si. Os cantos danlle  ás aves un atractivo definitivo. Ademais en lugares con moita vexetación e, polo tanto, pouco permeables á vista a identificación as aves polo seu canto é fundamental para saber que especies hai nun lugar concreto e cantos individuos de cada especie; é unha ferramenta fundamental en ornitoloxía.  Agora ben, diferenciar os cantos pode ser difícil. Si, admitámolo! hai persoas con un talento singular para os cantos dos paxaros. Pero, normalmente, debemos aplicarnos no traballo se queremos dominar esta habilidade.

IMG_0533Estes días son ideais porque coinciden varias circunstancias. Por un lado o incremento da temperatura, o soliño e os días máis longos disparan a primavera e polo tanto o canto das aves e, por outro lado, as árbores aínda non botaron as follas polo que permanecen durante uns días cun aspecto invernal. Así que é moi doado ir a calquera lugar, e localizar moitas diferentes especies ben coa vista ben polo canto e ter a posibilidade de realizar estupendas observacións ao tempo que escoitamos cantar a especie en concreto. Sen dúbida é o mellor xeito de aprender: é unha boa idea reforzar, logo, os coñecementos adquiridos con gravacións ou vídeos.

Deste xeito, nunha pequena carballeira case no centro da cidade e rodeada de rúas con persoas e edificios escoitamos e observamos varias especies en minutos mentres gozamos do sol: os páridos máis comúns como o ferreiriño negro (Periparus ater), o ferreiriño real (Parus major), o ferreiriño azul (Cyanistes caeruleus), e o ferreiriño rabilongo (Aegithalos caudatos); o gabeador común (Certhia brachydactyla), o pimpín (Fringilla coelebs), o xirín (Serinus serinus), a estreliña riscada (Regulus ignicapilla), o paporrubio (Erithacus rubecula), o merlo (Turdus merula), pombos (Coumba palumbus), as cornachas (Corvus corone), etc.

_DSC3791

_DSC3435

_DSC3809

Certhia brachydactyla _2

E son estas especies, precisamente, as máis comúns en medios forestais no norte da península Ibérica. Unha pequena clase práctica a carón de casa e pasamos a outro nivel de coñecemento.

Por se non fose pouco, a ausencia de follas nas árbores permítenos localizar doadamente niños de aves que, as veces, son realmente voluminosos como os das pegas (Pica pica) -urracas-. Pica pica niño

A qué estades agardando? Nuns días as condicións cambian!

Paxaros carpinteiros

Hai quen pensa, e non é un chiste, que os paxaros carpinteiros son uns paxaros que viven nos debuxos animados, concretamente no “paxaro tolo”. Pois non, existen, viven con nos e ademais son moi interesantes. Se hai bosques, hai paxaros carpinteiros. E digo bosques, non cultivos de árbores. Agora ben, hai especies que son moi esixentes coa calidade do bosque, isto é a súa estrutura e idade, especialmente. Hai especies menos esixentes.

E como sabemos, a estas alturas, en Santiago de Compostela si que hai boas, inda que forzosamente pequenas, representacións de bosques. Así que algún paxaro carpinteiro imos atopar en plena cidade, concretamente a especie que imos atopar é o peto verde (Picus sharpei) –pito real, en castelán-.

Aquí vemos un peto verde voando sobre un parque compostelano

Aquí vemos un peto verde voando sobre un parque compostelano

Se alguén nunca viu un peto verde, recomendo intentalo, non é difícil. Realmente é verde, ademais de ter outras cores como o vermello moi chamativas. Hai que dicir que é dos menos esixentes de todos os paxaros carpinteiros en canto á calidade do hábitat o que lle permite estar presente en varios parques e xardíns da cidade e, xa non digamos, na periferia arborada, inda que non sexa de moita calidade. Esta flexibilidade ecolóxica quizais veña determinada por unha característica: os petos aliméntasen nas árbores, nos troncos e polas, pero o peto verde, ademais, é capaz de facelo no chan. E é así como o podemos observar nalgúns parques, no chan.

Nota para recén iniciados: o voo dos paxaros carpinteiros é moi característico, é ondulado, bate un pouco as ás, sube, logo as prega e descende. É unha boa pista.

Pombos en outono? a Bonaval

 DSC_2629

Como xa teño comentado nalgunha ocasión, hai unha especie de ave urbana que ata hai, apenas, dúas décadas non o era: o pombo (Columba palumbus) –paloma torcaz, en castelán-. Sen dúbida a demografía da especie, por non falar da ampliación dos ecosistemas que pode empregar, cambiou substancialmente.

carballos bonaval

Carballos no parque: un microbosque no medio da cidade

Estes días hai determinados parques nos que podemos observar moitos, por exemplo, no parque de Santo Domingo de Bonaval. A clave de tal abundancia, respecto a outros lugares ou momentos, é a naturalidade deste parque. Santo Domingo de Bonaval conta con moitos carballos (Quercus robur) que son unha especie silvestre por moito que aquí se atopen no medio da cidade e confinados a un recinto relativamente pequeno, así que, como estamos en outono, a produción de landras é moi grande e esta é aproveitada con éxito polo pombos, que se poñen as botas.

Corolario: manter elevados niveis de naturalidade, mesmo en lugares tan humanizados como pode ser un parque urbano, é moi útil para favorecer a presenza de especies salvaxes, dándolles maiores oportunidades de supervivencia.

Así que xa sabedes: pombos en outono, a Bonaval.

O chan do parque está, estes días, tapizado de landras

O chan do parque está, estes días, tapizado de landras

Aves en… Pontevedra!

Portada libro aves PO

Vimos de publicar, Cosme Damián Romay Cousido e máis eu, un libro que creemos de gran interese para todos os afeccionados ás aves, en especial nas contornas urbanas. Trátase de Aves na cidade de Pontevedra. Recolle un atlas de aves reprodutoras e invernantes en cuadrículas 1×1 para a área urbana do concello e a súa relación coa calidade de vida. Hai unha ficha por cada especie na que, entre outras cousas, damos a súa distribución durante o periodo de estudo.

A presentación é o xoves día 30 de outubro de 2014 ás 20.00 h na Casa das Campás da capital do Lérez.

Pardais nun corredor

_DSC6591O pasado verán observamos moitas aves en distintos sitios. Agora ben, unha das aves máis modestas das nosas cidades e aldeas, o pardal común (Passer domesticus) ou gorrión común, en castelán, soe recibir poucas atencións de tan común que é. Pero isto non é así en todas partes. Os pardais desapareceron de Londres, por exemplo, e están nun declive brutal en moitas cidades, dende París a Madrid, Berlín, etc.  Por qué?

_DSC6367Logo de moitos traballos de investigación seguindo diferentes hipóteses todo apunta a que sutís cambios no hábitat e, sobre todo, á falta de comida poden facer que a especie vaia a menos. Falta de comida? Si, nun momento concreto: un punto crítico na cría das aves prodúcese cando os polos están no niño e demandan moitas proteínas para medrar. Se non teñen proteínas, non medran, morren e finalmente, non hai renovación xeracional. Isto significa que durante a cría os poliños teñen que comer insectos. Se non os hai, fin da historia.

_DSC6236

Non era Santiago de Compostela, é tan só un corredor dunha casa nunha zona de montaña galega. Alí os insectos son abundantes (non hai agricultura ou gandería intesiva na zona) e bastaba pasar un rato no corredor para ver como os pardais se afanaban en alimentar con insectos os seus polos.

Hai pardais en Santiago de Compostela? Cántos? Están en declive?

Ir a este link ou ver por exemplo:

* Will J. Peach, Danaë K. Sheehan & Will B. Kirby. 2014. Supplementary feeding of mealworms enhances reproductive success in garden nesting House Sparrows Passer domesticus. Bird Study. PP 378-385

Neste link podedes ver cómo La Voz de Galicia recolle a charla feita no CIAC polo día das aves. Hai que dicir que o novo xornalismo inclúe non ir á charla, non documentarse previamente, facer unha entrevista telefónica 5 minutos antes de comezar e tirar unha foto de internet. Con eses vimbios constrúese unha nova, pero pódese construír mal. Hai que dicir que os erros son simplemente de vocabulario, é dicir xusto co que o xornalismo traballa maiormente: as verbas.

Realmente idenfiquei 110 aves silvestres?

As chamativas figuras dos estorniños

Nestes días, os bandos de estorniños (Sturnus unicolor e Sturnus vulgaris) son xa moi conspicuos. Chaman a atención de todo o mundo, especialmente cando fan movementos en coordinación formando figuras no aire. Mesmo lin non sei qué estes días de citizen science sobre o que en inglés se chama murmuration (algúns xa o copiaron para o castelán e o galego). O que non se di, xeralmente, e non sei por qué é que estes vos e figuras só se fan ante a presencia dun depredador, xeralmente un falcón peregrino (Falco peregrinus), do que pretenden fuxir.
Ben, pois deixovos aquí un artigo científico sobre a coordinación dos bandos e a formación, polo tanto, das figuras no aire.
E a disfrutar. Lembrade que aquí tedes unhas imaxes do inverno pasado tomadas co móbil

Lembrades onde se podía observar esto en Santiago de Compostela?

O que as aves do Gaiás poden ensinar

 Logo dun longo paréntese estival retomamos a actividade do blog. Prometemos algunha crónica sobre aves noutros lugares, urbanos ou rurais, cos que aprender cousas sobre o noso medio.

Pero hoxe hai certa urxencia en escoitar o que as aves do entorno do monte Gaiás poden ensinar. O monte Gaiás é quizais máis coñecido por ter no seu cumio un despropósito económico, político e ambiental coñecido como Cidade da Cultura. Todo xorde porque, se non chegaba co cemento, agora necesitan gastar cartos doutro xeito. Para resumir, poño a continuación unha fotografía dun titular do xornal local El Correo Gallego do 23 de setembro de 2014.

10431333_10153151207989056_1729995719395262160_o

Ben, unha cousa  é ter árbores e outra moi diferente é ter un bosque. Un bosque defínese, sobre todo, polas complexas relacións ecolóxicas que se desenvolven nun entorno forestal. Relacións que son dificilmente reproducibles nun cultivo forestal (un exército forestal) ou nunha plantación con tal fin (parque, xardín). Un bosque é unha sociedade que se desenvolve ao amparo de árbores. E quero traer aquí un excelente artigo publicado polo profesor da USC, Javier Guitián, xa hai un par de meses.

Non imos comentar nada sobre a confusión (agardemos que do xornalista) que asegura que haberá máis de 9.000 especies de árbores, isto é, unha cifra asombrosa, máis da metade das especies que podemos atopar no Amazonas en 6 millóns de km2. Se isto fora así, en calquera caso nunca podería ser un bosque: chamaríase xardín botánico.

Ademais da confusión entre bosque e parque, ou bosque e cultivo, ou bosque e plantación resulta asombrosamente lamentable que para “plantar un bosque” o primeiro que se lles ocorra é rozar. Unha mirada rápida ao Gaiás dinos que está maioritariamente cuberto de mato, sobre todo toxos e outras leguminosas, fixadoras de nitróxeno. Como calquera estudante de ciencias sabe, ou debería saber, ou incluso calquera espectador de documentais coñece, existe un proceso chamado sucesión ecolóxica que nos amosa que os ecosistemas non permanecen estáticos senón ao chegar ao clímax e que polo medio as diferentes etapas sucesionais van xerando diferentes hábitats en constante evolución. Quere isto dicir que o monte baixo existente é unha etapa posterior ao prado e, dende logo, posterior á rocha nai, e que se o deixamos tranquilo cos anos teremos un bosque (auténtico!) en equilibrio co medio (climácico) e a custe cero.

No conxunto de Galicia, árbores hai moitas, bosques poucos, pero incluso nun entorno tan estragado como é o de Santiago podemos atopar algunha fermosa, inda que pequena, mostra.

Sería unha magnífica oportunidade para comprobar (e aquí comezo a falar de aves) como as comunidades aviares tamén evolucionan xunto cos hábitats. Actualmente podemos atopar no Gaiás un elenco incrible de especies de mato. A min, a que máis me gusta de todas elas é a papuxa do mato (Sylvia undata) que podedes observar e escoitar doadamente. Pouco a pouco, e se nos fixaramos un chisco, descubriríamos centos de diminutas árbores medrando entre o mato; as primeiras por exemplo, os espiños, cuxas sementes foron diseminadas, precisamente, por aves fruxívoras como por exemplo os comúns merlos (Turdus merula). Nuns anos, gratis grazas aos servizos que nos prestan as aves, a chuvia e o tempo teríamos un bosque. Mentres, van estragar o hábitat de numerosas especies de fauna e flora, algunha incluso amparada pola lexislación vixente.

Rozando con maquinaria pesada, os políticos, subidos aos seus escuros despachos, e os enxeñeiros de montes, subidos ao seu ego ignorante, non van ver nunca esas complexas relacións ecolóxicas. Tamén hai que engadir que biólogos e ornitólogos non imos ver nunca esas bonitas cifras nas nosas contas correntes, de aquí ou dun país alpino.

Últimos días para ver vencellos (de 2 especies!)

Os vencellos (Apus apus) están a punto de marchar de novo aos seus cuarteis invernais en África, xa criaron e estes días están moi ocupados alimentando os seus polos xa moi medrados e a punto de marchar do niño. Os cálidos seráns de xullo son ideais para observalos baixos. Calquera sitio é bo, pero quizáis, Belvís, Bonaval, a zona Vella son sitios moi bos para gozar deles. Quedan poucos días.

E pode haber premio: moi escasos, moi difíciles de diferenciar, escasos exemplares de vencello pálido (Apus pallidus) poden ser observados entre os comúns. Cómo diferencialos? primeiro de todo con boa luz e sorte; son máis pálidos, de cabeza máis clara por riba, non só pola gorxa, o que lles da un aspecto de enmascarados, e por último, con moi boa luz, poden ser apreciadas unha sorte de “escamas” moi características polo seu ventre .

Inda que lles saquei moitas fotos, ningunha é digna polo que se vos deixo un bo link para velos en detalle. Moita sorte cos pálidos!.

_DSC4693