Que facer en decembro

O traballo e outras cousas mantéñennos lonxe das aves próximas e deste blog. Pero non por iso hai que pensar que non observamos aves en Santiago de Compostela.

gabián (Accipiter nisus) – gavilán- : é unha rapina pequena e, aínda que común, poucas veces visible debido ao seu sixilo. É moi común en cidades con moitos parques e xardíns e así, nas últimas dúas semanas vímola dúas veces. Parece pouco pero non está mal para unha especie tan discreta. A primeira observación foi nas Brañas do Sar onde un bonito macho contemplounos camuflado entre as sombras dun salgueiro. A segunda observación foi, nin máis nin menos, dende o patio do cole das nenas; foi fugaz pois estaba de caza perseguindo a un grupo de lavandeiras brancas (Motacilla alba).

Accipiter nisus _2

Un gabián en voo

 

O falcón (Falco peregrinus): xa temos falado moitas veces desta especie. Varias foron as ocasións en que o temos visto, unha delas, tamén dende o patio do cole ben cedo.

Os durmidoiros de lavandeiras brancas (Motacilla alba). Sorprendentes por moito que un os mire un ano tras outro. Ao serán hai que ir á praza de Galicia ou á de Vigo; nas escasas árbores que teñen durmen varios centos delas que se reparten o espazo urbano. Se cadra tamén vedes o falcón tratando de pillar algunha!

O día das aves

Estes días estase a celebrar o día mundial das aves e para celebralo traemos por aquí unha observación moi acaida: o papamoscas negro (Ficedula hypoleuca) non aniña en Galicia, si o fai noutros lugares da península Ibérica, pero uns días ao ano, en setembro pódese ver facilmente porque aparecen en migración cara ao sur de xeito masivo. Foi o que pasou hai unha semana xusto aquí, así que gozamos de varios deles. Pasaron uns días e xa non están, quizais xa están en África.

_DSC1371

Para saber máis: os papamoscas negros están a ser moi vulnerables ao cambio climático por un fenómeno que se chama asincronía: chegan a criar a Europa e cando máis necesitan os insectos para alimentar aos seus poliños non teñen porque ao adiantarse a primavera os insectos xa completaron o seu ciclo. O resultado son poladas máis cativas cada vez.

Unha especie nova e sorprendente

Hai un lugar que aínda non exploraramos a Loira, a Rubia e máis eu dende o punto de vista ornitolóxico. Trátase do Monte do Gozo. Antano… ben, un pouco esaxerado, hai uns poucos anos, era un lugar de celebración de concertos e eventos ao aire libre. Non foron poucos os concertos que alí gocei. Pero a día de hoxe o recinto permanece semiabandonado e onde antes había gradas agora hai mato. Unha gozada para os que nos gusta a natureza: ver como esta toma os espazos a nada que a man do home se descoide. No medio dese recinto hai un pequeno lago artificial que, obviamente tamén está abandonado; non é de grandes dimensións pero suficiente para atraer libeliñas, anfibios e aves entre outra fauna. Así que alí fomos mirar e, efectivamente, había unha especie nova. Trátase dun mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis) – zampullín chico, en castelán-. É unha pequena ave acuática cun certo aspecto de “parrulo” que seguramente pasa inadvertido por este motivo e, realmente, non é da familia dos parrulos. Nada e mergúllase con gran destreza na procura de pequenos animais acuáticos dos que se alimenta. O seu tamaño é pequeno  e, en verán de vivas cores. Velaí a foto

_DSC6658

Como xa teño comentado noutras ocasión, en Compostela, non hai un gran humidal que aporte biodiversidade en xeral ao noso entorno, nin aves de xeito particular, pero temos o lago do Parque da Música do que xa teño falado e, agora, este para considerar.

Actualizamos así a lista das aves da cidade co bonito número de 111 especies!

As máis listas do barrio

_DSC6640

Que as pegas (Pica pica) son moi listas xa o sabiamos todos. Agora ben, sen esforzo ningún podemos observar comportamentos asombrosos, de gran complexidade, entre outras cousas porque permite inferir que estas aves son capaces de planificar o futuro, cousa que, as veces, pensamos que é exclusivo da nosa especie.

Hai uns días, no pequeno parque a carón de casa, vimos unha pega con algo no peteiro, quedamos mirando a nenas e máis eu con atención, a só uns metros. A pega puxo o que levaba no pico entre unhas herbas e, para sorpresa nosa, desprazouse un par de metros e recolleu unha folla de magnolio que puxo sobre a comida. Logo marchou.

Fomos mirar o que era: un pouco de pan, perfectamente oculto. Velaí a foto.

2015-05-22 16.26.52

 

Voando soa

IMG_0755

A foto que abre este post é mala e parecera irrelevante. Pero detrás hai un feito que para non o foi, todo o contrario, foi moi emocionante.

Trátase da Rubia, a miña filla maior. Xogando un parque cos patinetes decidiu abandonar o seu e poñerse a corretear polo xardín para ver paxaros!!

Pregunteille que facía e díxome que ver paxaros. Observara 2 pardais, un rabirrubio, un pombo, 3 pegas e 2 marelos que non sabía o que eran.

Fíxoo espontaneamente, decidiu ir detrás dos paxaros sen prismáticos nin nada (algo bastante divertido que os maiores esquecemos, por certo). Foi un gran momento, sen dúbida. Non é a miña intención converter as nenas en observadoras de aves ou ornitólogas, en absoluto. Creo que a cuestión é ofrecer posibilidades e dar claves que permitan observar a realidade desde moitas ópticas.  Ela xa sabe que as aves, os grilos, as lagartixas e os lagartos, as bolboretas están aí. Observar aves é unha posibilidade máis e cambia radicalmente a mirada que temos sobre o noso entorno e sobre o mundo

Mundo no que, por certo, hoxe se celebra o Día Internacional da Diversidade Biolóxica.  Inda que non sei se hai moito que celebrar, certamente.

Xa están aquí

 Apus apus

Chegaron o día 29 de abril á cidade. De quen falamos? pois obviamente da especie de ave migratoria por excelencia que todos temos a carón da nosa casa. Dunha das aves de voo máis espectacular, da que ten unha das formas de vida máis asombrosa: do vencello común (Apus apus), andurón ou círrio, pois todos estes nomes recibe en galego.

O ano pasado, co mal tempo que tivemos toda a primavera, practicamente chegaran un mes máis tarde. Neste ano, foron puntuais na cita coa cidade. Aproveita para observalos en calquera lugar nos momentos nos que non chove. Como saberás marchan cedo, á finais de xullo – principios de agosto.

Por outra banda non esquezas que esta fin de semana, o 9 e 10 de maio celébrase o World Migratory Bird Day. Observar vencellos e ensinarllos aos máis pequechos é un bo xeito de facelo.

Primavera: a ave do ano vai chegar

Que te declaren “ave do ano” significa que estás fastidiado. Non é como iso do “coche do ano” ou “cámara do ano” que ven a ser un recoñecemento da industria e dos usuarios de que es o vehículo máis chulo e innovador ou a cámara máis completa e de mellor relación calidade/prezo, non, para nada. Significa que es unha especie que vas de cranio directa á extinción ou a quedarte as portas dela. Significa que cada ano que pasa sodes menos conxéneres aledando o aire.

Así que imos gozar da primavera e imos permanecer atentos, tamén. Ben coñecido é que agora, xustamente, fan acto de presenza varias especies que pasan o inverno en África e que veñen a criar canda nós, aproveitando o bo tempo, os días longos… e a proliferación de insectos: xustamente o que lle da o seu sustento.

As andoriñas (Hirundo rustica) xa chegaron hai semanas e nas zonas rurais aínda é posible observalas. Elas foron ave do ano hai pouco así que se calcula que nunhas décadas desaparecerán de Europa se todo segue igual. Tamén resulta rechamante que xa está constatada a súa chegada a Europa máis temperá ano a ano por mor do quecemento global.

Este ano en Galicia tócalle á andoriña de cu branco (Delichon urbicum) -avión común en castelán- que ao igual que a súa curmá ven de África. As súas poboacións están a declinar así que foi escollida polos socios e socias da SGO.

Diferéncianse doadamente a nada que un se fixe. A de cu branco… ten o cu branco! Os seus niños tamén son diferentes. As andoriñas comúns adoitan facelo no interior das construcións e son moi completos, as das andoriñas de cu branco atópanse xeralmente baixo os beirados das casas.

Aquí tes un niño de andoriña de cu branco

Aquí tes un niño de andoriña de cu branco

Se vives nun lugar con andoriñas de cu branco, 2 cousas: 1. Goza deles e 2. Podes informar de onde están. Nós, en Santiago de Compostela coñecemos moi poucos niños. E ti? E por que pensas que están a desaparecer?

Unha andoriña común e unha andoriña de cu branco. Sabes cal é cal?

Unha andoriña común e unha andoriña de cu branco. Sabes cal é cal?

Vitalidade económica? aves na cidade

En Seattle ou Berlín teñen claro que paga a pena ter aves na cidade. A revista Urban Ecosystems explica  por qué. Aquí temos unha explicación. Non son moi partidario de outorgarlle valor económico (prezo) á vida salvaxe pero pode ser unha aproximación interesante para explicar determinados servizos que a natureza nos presta.

E ti? Como o ves? Canto pagarías?

A gaivota escura

As gaivotas que habitualmente podemos ver en Santiago de Compostela son as gaivotas patiamarelas (Larus michahellis), as máis comúns por aquí e que mesmo aniñan nos tellados de moitos edificios. Agora ben, en ocasións, particularmente agora en plena migración primaveral, temos a oportunidade de observar outras especies que como a gaivota escura (Larus fuscus) -gaviota sombría en castelán- están migrando dende o sur cara ao norte, onde crían (nun senso amplo, pois esta especies tamén aniña en baixo número nalgunhas illas galegas).

Cómo se poden distinguir? moi sinxelo no caso dos adultos e subadultos, son iguais ás comúns patiamarelas pero o seu dorso é moito máis escuro, como o seu nome en galego indica.

Onde velas? o mellor é ir a eses lugares da cidade que fan ás veces de pequenos humidais que tanto lles gustan ás gaivotas e a outras aves acuáticas, por ex. ao lago do Parque da Música, a carón do Auditorio de Galicia. Ou levantar a vista e ver como pasan en grandes grupos, en ocasións mesmo formando un V, en dirección norte.

Un exemplar de 3-4 anos. Nestes días, no lago do Parque da Música atopamos estes 2 exemplares

Un exemplar de 3-4 anos. Nestes días, no lago do Parque da Música atopamos estes 2 exemplares

Aquí temos en primeiro plano unha gaivota escura adulta  e detrás as patiamarelas

Aquí temos en primeiro plano unha gaivota escura adulta e detrás as patiamarelas