Un paraíso para os picafollas musicais

A finais de verán e principios de outono son moitas as especies de aves que emigran do norte ao sur, a África, e moitas delas pasan a carón nosa. Unha delas é un discreto paxariño, semellante a outros que aniñan entre nós, trátase do picafollas musical -mosquitero musical, Willow Warbler- (Phylloscopus trochilus). Aínda que algúns exemplares aniñan na península Ibérica, cría sobre todo cara a Europa continental, as Illas Británicas, Escandinavia, Siberia… pero migran por aquí en bo número a finais de agosto e mais setembro. Cando migran van alimentándose de insectos que atopan nun dos seus lugares favoritos, os fiúnchos -hinojo- (Feoniculum vulgare), esa pranta tan aromática con cheiro a anís tan coñecida por todo o mundo. Así que, se neste momento, vemos un picafollas nos fiúnchos hai moitas probabilidades de que sexa un musical.

_DSC2254.jpg

Atopamos leiras que se ven cubertas en moitas ocasións de fiúnchos, mesmo nas cidades. En Compostela hai unha ben grande a carón do Centro Sociocultural de Santa Marta na que neste momento hai polo menos unha ducia de picafollas musicais, o que converte este pequeno descampada nun paraíso para esta especie, un lugar valioso e natural no medio da cidade, lugares que, no seu conxunto son importantísimos para a supervivencia das aves migratorias e que son denominados “stop-overs” algo así como “parada e fonda”. E importante telo en conta. Algunha xente ve nestes sitios “maleza”. Curiosamente a ninguén lle importa que nestes mesmos lugares se acumule lixo.

 

Advertisement

E unha especie máis

Sacar especies novas para un territorio como Compostela é xa difícil, a medida que pasa o tempo disminúen as probabilidades de ver algo novo. Pero aínda así vense especies novas. Unha delas, moi curiosa, foi o avistamento dun lagarteiro das torres -cernícalo primilla- (Falco naumanni) este mes de setembro.

Os lagarteiros das torres son moi similares ao lagarteiro común, de feito, en ocasións é difícil distinguilos no campo, especialmente xóvenes e femias. Oa contrario que os comúns son migradores e pasan o inverno en Africa. Hai anos chegaron a aniñar en Galicia e no Bierzo mais agora xa non crían no extremo norte da Península, hai anos chegaron a estar moi ameazados -aínda o están- por diversos factores. Teñen o costume de aniñar en edificios como pombais, catedrais, torres (común velos na Giralda de Sevilla por exemplo), construccións agrícolas … Así, a reparación destes edificios déixaos sen ocos para aniñar. Como son, sobre todo, insectívoros, o emprego de pesticidas e a agricultura intensiva elimina as súas presas. Ultimamente parece que lles vai mellor.

Desde hai uns anos para acó, antes de migrar cara ao sur, danse unha volta polo norte para aproveitar a maior cantidade de insectos ao final de verán grazas á maior humidade. E frecuente velos polos Ancares, A Terra Chá, o Suído, etc. Así que algún tiña que pasar por Compostela algún día. Aí vos deixo unha foto de pouca calidade do primeiro lagarteiro das torres visto en Compostela (en tempos modernos, quen sabe).

_DSC2059