O cambio climático está na rúa

Noutras ocasións xa teño falado dos picafollas. Aquí podemos observar dúas especies en diferentes momentos do ano, inda que poidan coincidir algúns días; aquí podedes lembrar isto.

Phylloscopus collybita

Pero nesta ocasión vou falar de algo un pouco máis insólito. Recentemente celebrouse en París o último cumio (seguro que non é o derradeiro) sobre o cambio climático. Ao mesmo tempo está en boca de todo o mundo o outono e o comezo de inverno que estamos a ter, con temperaturas excepcionalmente altas para a época, escasa precipitación e sen neve nas montañas. Toda estas condicións fan que unha especie invernante, común en todos os medios arborados, incluíndo no medio dunha rúa do ensanche compostelá, como o picafollas común (Phyllocopus collybita) -mosquitero común- teña un comportamento raro: cantar en pleno mes de decembro no medio dunha rúa, é dicir, un comportamento nupcial típico da primavera nos seus lugares de cría, non aquí, en plena invernada.  A cuestión é que non foi o único lugar. Pasou en Barcelona tamén, por exemplo. Nin tampouco é a única especie que nos está a advertir do que está a pasar: nalgunhas localidades galegas os lavancos (os parrulos) están a criar.

En definitiva, temos un problema gordo ao que non se lle pode apartar a vista nin o oído pois nos persegue mesmo polas rúas.

Advertisement

Que facer en decembro

O traballo e outras cousas mantéñennos lonxe das aves próximas e deste blog. Pero non por iso hai que pensar que non observamos aves en Santiago de Compostela.

gabián (Accipiter nisus) – gavilán- : é unha rapina pequena e, aínda que común, poucas veces visible debido ao seu sixilo. É moi común en cidades con moitos parques e xardíns e así, nas últimas dúas semanas vímola dúas veces. Parece pouco pero non está mal para unha especie tan discreta. A primeira observación foi nas Brañas do Sar onde un bonito macho contemplounos camuflado entre as sombras dun salgueiro. A segunda observación foi, nin máis nin menos, dende o patio do cole das nenas; foi fugaz pois estaba de caza perseguindo a un grupo de lavandeiras brancas (Motacilla alba).

Accipiter nisus _2

Un gabián en voo

 

O falcón (Falco peregrinus): xa temos falado moitas veces desta especie. Varias foron as ocasións en que o temos visto, unha delas, tamén dende o patio do cole ben cedo.

Os durmidoiros de lavandeiras brancas (Motacilla alba). Sorprendentes por moito que un os mire un ano tras outro. Ao serán hai que ir á praza de Galicia ou á de Vigo; nas escasas árbores que teñen durmen varios centos delas que se reparten o espazo urbano. Se cadra tamén vedes o falcón tratando de pillar algunha!