Unha especie nova e sorprendente

Hai un lugar que aínda non exploraramos a Loira, a Rubia e máis eu dende o punto de vista ornitolóxico. Trátase do Monte do Gozo. Antano… ben, un pouco esaxerado, hai uns poucos anos, era un lugar de celebración de concertos e eventos ao aire libre. Non foron poucos os concertos que alí gocei. Pero a día de hoxe o recinto permanece semiabandonado e onde antes había gradas agora hai mato. Unha gozada para os que nos gusta a natureza: ver como esta toma os espazos a nada que a man do home se descoide. No medio dese recinto hai un pequeno lago artificial que, obviamente tamén está abandonado; non é de grandes dimensións pero suficiente para atraer libeliñas, anfibios e aves entre outra fauna. Así que alí fomos mirar e, efectivamente, había unha especie nova. Trátase dun mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis) – zampullín chico, en castelán-. É unha pequena ave acuática cun certo aspecto de “parrulo” que seguramente pasa inadvertido por este motivo e, realmente, non é da familia dos parrulos. Nada e mergúllase con gran destreza na procura de pequenos animais acuáticos dos que se alimenta. O seu tamaño é pequeno  e, en verán de vivas cores. Velaí a foto

_DSC6658

Como xa teño comentado noutras ocasión, en Compostela, non hai un gran humidal que aporte biodiversidade en xeral ao noso entorno, nin aves de xeito particular, pero temos o lago do Parque da Música do que xa teño falado e, agora, este para considerar.

Actualizamos así a lista das aves da cidade co bonito número de 111 especies!