Que te declaren “ave do ano” significa que estás fastidiado. Non é como iso do “coche do ano” ou “cámara do ano” que ven a ser un recoñecemento da industria e dos usuarios de que es o vehículo máis chulo e innovador ou a cámara máis completa e de mellor relación calidade/prezo, non, para nada. Significa que es unha especie que vas de cranio directa á extinción ou a quedarte as portas dela. Significa que cada ano que pasa sodes menos conxéneres aledando o aire.
Así que imos gozar da primavera e imos permanecer atentos, tamén. Ben coñecido é que agora, xustamente, fan acto de presenza varias especies que pasan o inverno en África e que veñen a criar canda nós, aproveitando o bo tempo, os días longos… e a proliferación de insectos: xustamente o que lle da o seu sustento.
As andoriñas (Hirundo rustica) xa chegaron hai semanas e nas zonas rurais aínda é posible observalas. Elas foron ave do ano hai pouco así que se calcula que nunhas décadas desaparecerán de Europa se todo segue igual. Tamén resulta rechamante que xa está constatada a súa chegada a Europa máis temperá ano a ano por mor do quecemento global.
Este ano en Galicia tócalle á andoriña de cu branco (Delichon urbicum) -avión común en castelán- que ao igual que a súa curmá ven de África. As súas poboacións están a declinar así que foi escollida polos socios e socias da SGO.
Diferéncianse doadamente a nada que un se fixe. A de cu branco… ten o cu branco! Os seus niños tamén son diferentes. As andoriñas comúns adoitan facelo no interior das construcións e son moi completos, as das andoriñas de cu branco atópanse xeralmente baixo os beirados das casas.
Se vives nun lugar con andoriñas de cu branco, 2 cousas: 1. Goza deles e 2. Podes informar de onde están. Nós, en Santiago de Compostela coñecemos moi poucos niños. E ti? E por que pensas que están a desaparecer?