A gaivota escura

As gaivotas que habitualmente podemos ver en Santiago de Compostela son as gaivotas patiamarelas (Larus michahellis), as máis comúns por aquí e que mesmo aniñan nos tellados de moitos edificios. Agora ben, en ocasións, particularmente agora en plena migración primaveral, temos a oportunidade de observar outras especies que como a gaivota escura (Larus fuscus) -gaviota sombría en castelán- están migrando dende o sur cara ao norte, onde crían (nun senso amplo, pois esta especies tamén aniña en baixo número nalgunhas illas galegas).

Cómo se poden distinguir? moi sinxelo no caso dos adultos e subadultos, son iguais ás comúns patiamarelas pero o seu dorso é moito máis escuro, como o seu nome en galego indica.

Onde velas? o mellor é ir a eses lugares da cidade que fan ás veces de pequenos humidais que tanto lles gustan ás gaivotas e a outras aves acuáticas, por ex. ao lago do Parque da Música, a carón do Auditorio de Galicia. Ou levantar a vista e ver como pasan en grandes grupos, en ocasións mesmo formando un V, en dirección norte.

Un exemplar de 3-4 anos. Nestes días, no lago do Parque da Música atopamos estes 2 exemplares

Un exemplar de 3-4 anos. Nestes días, no lago do Parque da Música atopamos estes 2 exemplares

Aquí temos en primeiro plano unha gaivota escura adulta  e detrás as patiamarelas

Aquí temos en primeiro plano unha gaivota escura adulta e detrás as patiamarelas

Advertisement

Aproveita o tempo

Hai tempo que non actualizo o blog por falta de tempo. Agora ben, nestes días dánse unha serie de circunstancias que fan deles un momento realmente bo para observar aves en todas partes e tamén nas cidades.

Unha das cousas que máis sorprende aos que se aproximan por primeira vez á observación de aves é que isto das aves non só consiste en observar senón tamén en escoitar. As aves poden emitir moitos sons característicos de cada especie, tanto que serven para diferenciar especies entre si. Os cantos danlle  ás aves un atractivo definitivo. Ademais en lugares con moita vexetación e, polo tanto, pouco permeables á vista a identificación as aves polo seu canto é fundamental para saber que especies hai nun lugar concreto e cantos individuos de cada especie; é unha ferramenta fundamental en ornitoloxía.  Agora ben, diferenciar os cantos pode ser difícil. Si, admitámolo! hai persoas con un talento singular para os cantos dos paxaros. Pero, normalmente, debemos aplicarnos no traballo se queremos dominar esta habilidade.

IMG_0533Estes días son ideais porque coinciden varias circunstancias. Por un lado o incremento da temperatura, o soliño e os días máis longos disparan a primavera e polo tanto o canto das aves e, por outro lado, as árbores aínda non botaron as follas polo que permanecen durante uns días cun aspecto invernal. Así que é moi doado ir a calquera lugar, e localizar moitas diferentes especies ben coa vista ben polo canto e ter a posibilidade de realizar estupendas observacións ao tempo que escoitamos cantar a especie en concreto. Sen dúbida é o mellor xeito de aprender: é unha boa idea reforzar, logo, os coñecementos adquiridos con gravacións ou vídeos.

Deste xeito, nunha pequena carballeira case no centro da cidade e rodeada de rúas con persoas e edificios escoitamos e observamos varias especies en minutos mentres gozamos do sol: os páridos máis comúns como o ferreiriño negro (Periparus ater), o ferreiriño real (Parus major), o ferreiriño azul (Cyanistes caeruleus), e o ferreiriño rabilongo (Aegithalos caudatos); o gabeador común (Certhia brachydactyla), o pimpín (Fringilla coelebs), o xirín (Serinus serinus), a estreliña riscada (Regulus ignicapilla), o paporrubio (Erithacus rubecula), o merlo (Turdus merula), pombos (Coumba palumbus), as cornachas (Corvus corone), etc.

_DSC3791

_DSC3435

_DSC3809

Certhia brachydactyla _2

E son estas especies, precisamente, as máis comúns en medios forestais no norte da península Ibérica. Unha pequena clase práctica a carón de casa e pasamos a outro nivel de coñecemento.

Por se non fose pouco, a ausencia de follas nas árbores permítenos localizar doadamente niños de aves que, as veces, son realmente voluminosos como os das pegas (Pica pica) -urracas-. Pica pica niño

A qué estades agardando? Nuns días as condicións cambian!