Paxaros carpinteiros

Hai quen pensa, e non é un chiste, que os paxaros carpinteiros son uns paxaros que viven nos debuxos animados, concretamente no “paxaro tolo”. Pois non, existen, viven con nos e ademais son moi interesantes. Se hai bosques, hai paxaros carpinteiros. E digo bosques, non cultivos de árbores. Agora ben, hai especies que son moi esixentes coa calidade do bosque, isto é a súa estrutura e idade, especialmente. Hai especies menos esixentes.

E como sabemos, a estas alturas, en Santiago de Compostela si que hai boas, inda que forzosamente pequenas, representacións de bosques. Así que algún paxaro carpinteiro imos atopar en plena cidade, concretamente a especie que imos atopar é o peto verde (Picus sharpei) –pito real, en castelán-.

Aquí vemos un peto verde voando sobre un parque compostelano

Aquí vemos un peto verde voando sobre un parque compostelano

Se alguén nunca viu un peto verde, recomendo intentalo, non é difícil. Realmente é verde, ademais de ter outras cores como o vermello moi chamativas. Hai que dicir que é dos menos esixentes de todos os paxaros carpinteiros en canto á calidade do hábitat o que lle permite estar presente en varios parques e xardíns da cidade e, xa non digamos, na periferia arborada, inda que non sexa de moita calidade. Esta flexibilidade ecolóxica quizais veña determinada por unha característica: os petos aliméntasen nas árbores, nos troncos e polas, pero o peto verde, ademais, é capaz de facelo no chan. E é así como o podemos observar nalgúns parques, no chan.

Nota para recén iniciados: o voo dos paxaros carpinteiros é moi característico, é ondulado, bate un pouco as ás, sube, logo as prega e descende. É unha boa pista.

Advertisement