Como xa teño comentado nalgunha ocasión, hai unha especie de ave urbana que ata hai, apenas, dúas décadas non o era: o pombo (Columba palumbus) –paloma torcaz, en castelán-. Sen dúbida a demografía da especie, por non falar da ampliación dos ecosistemas que pode empregar, cambiou substancialmente.
Estes días hai determinados parques nos que podemos observar moitos, por exemplo, no parque de Santo Domingo de Bonaval. A clave de tal abundancia, respecto a outros lugares ou momentos, é a naturalidade deste parque. Santo Domingo de Bonaval conta con moitos carballos (Quercus robur) que son unha especie silvestre por moito que aquí se atopen no medio da cidade e confinados a un recinto relativamente pequeno, así que, como estamos en outono, a produción de landras é moi grande e esta é aproveitada con éxito polo pombos, que se poñen as botas.
Corolario: manter elevados niveis de naturalidade, mesmo en lugares tan humanizados como pode ser un parque urbano, é moi útil para favorecer a presenza de especies salvaxes, dándolles maiores oportunidades de supervivencia.
Así que xa sabedes: pombos en outono, a Bonaval.