O corvo mariño grande

Como xa teño comentado nalgunha ocasión, unha das cousas que lle “falta” a Santiago de Compostela, en relación a outras cidades -de Galicia ou doutros lugares- é unha gran zona humida próxima. A modo de exemplo, A Coruña, Pontevedra ou Vigo, ben están nunha ría, ben nas súas inmediacións,  Lugo e Ourense contan co río Miño. En Santiago de Compostela temos dous pequenos ríos e un pequeno lago artificial no parque da Música, a carón do auditorio de Galicia. Isto limita as posibilidades de observar aves acuáticas pero non as elimina. Así, inda que poida resultar sorprendente, na cidade é posible observar unha das súas aves máis comúns, non por elo menos interesante, que é dun bo tamaño!. E precisamente debido ao seu tamaño poderíamos pensar que o ten difícil para pasar inadvertida; pois non! a pesar diso e dos seus hábitos é unha especie ben discreta. Estámonos a referir aos corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo) – cormorán grande, en castelán-. Certo é que o seu número non é moi grande máis podemos velos sobrevoando o curso dos ríos ou mesmo descansando e pescando -pois son aves ictiófagas- no susodito lago. Para descansar e durmir empregan grandes árbores nos que permanecen pousados e, aquí chega o sorprendente, a pesar do seu tamaño son capaces de xuntarse nunha árbore sobre o tráfico e os peóns que circulan alleos a súa presenza uns metros máis arriba, tal e como ocorre nunhas grandes árbores próximas ao río Sarela en pleno barrio do Carme. En Santiago, como no resto de Galicia, os corvos mariños grandes son unha especie invernal, inda que algúns individuos pasan connosco todo o ano, así que quedan xa moi poucos días para observar estas aves pois a primavera xa está aquí.

Déixovos un par de fotos tomadas en Santiago. A primeira dun exemplar no lago do parque da Música e a segunda doutros dous no barrio do Carme.

Corvo mariño grande no lago do parque da Música

Corvo mariño grande no lago do parque da Música

Corvo mariño grande descansando no barrio do Carme

Corvo mariño grande descansando no barrio do Carme

Advertisement

Os picafollas

En Santiago de Compostela, así como na maior parte do territorio ibérico, podemos atopar dúas especies de aves moi similares. Tanto que ata fai non moito pensábase que ambas especies eran a mesma e que únicamente diferían un chisco no seu canto.

Pero non, análises detallados demostraron que estabamos ante as dúas especies das que agora falao. Trátase do picafollas ibérico (Phylloscopus ibericus) e o picafollas común (Phyllocopus collybita) (en castelán mosquitero ibérico e mosquitero común respectivamente). Ónde está a cuestión logo? Ben, ambos comparten hábitat y hábitos, son doadamente observables, en calquera bosquete e mesmo en prácticamente calquera parque de Santiago de Compostela, incluso en xardíns pequenos, pero o picafollas ibérico cría no norte e oeste da Península Ibérica (a grandes rasgos) mentres que o picafollas común está restrinxido como nidificante ao noreste (de novo xeralizando) e é a típica especie de picafollas de ampla distribución no resto de Europa. Agora ben, os picafollas ibéricos invernan en África mentres que moitos picafollas comúns invernan precisamente na península Ibérica. Un pouco de lío, non?. Pero aínda hai máis. Xusto nestes días de marzo no que chegou o bo tempo moitos picafollas comúns -dos que non crían aquí- poden ser escoitados cantando como se iniciaran xa a súa reprodución. E exactamente iso está a pasar agora en Santiago de Compostela! Dentro duns días marcharán os comúns, chegarán os ibéricos e non poderemos asistir a este pequeno lío.

Distinguir ambos picafollas de vista non é tarefa doada. Ambos son moi semellantes e mesmo hai individuos prácticamente indiferenciables. Máis se temos en conta que non sempre son observados a curta distancia ou con boas condicións de luz. Polo que precisamente o xeito máis doado de diferencialos é o seu canto. O picafollas común recibe en inglés o nome de Chiffchaff e ise é xustamente o seu canto chif-chaf. O picafollas común fai tamén un chif-chaf pero con adornos cara ao final. Sinxelo. Aquí tendes cantos de picafollas común e aquí ibérico.

O paxaro que encabeza este blog é precisamente un picafollas común. Para aqueles que queiran saber máis sobre picafollas, en particular do ibérico, recomendo o estupendo libro no que participaron varios compañeiros e amigos “El mosquitero ibérico“, do que me permito reproducir unha das súas estupendas láminas coa imaxe do picafollas ibérico.

lc3a1mina

Aproveito para dicir que tras case 4 meses de chuvia constante e falla de luz, estes días de anticiclón repentino con temperaturas suaves e gran cantidade de luz son días perfectos para saír e observar aves… ou mellor aínda, escoitalas. Non perdades esta oportunidade!

Preséntase na FIO o Club de Jóvenes Pajareros

O pasado fin de semana estivemos na consolidadísima FIO, a feira internacional de turismo ornitolóxico ou “Extremadura Birdwatching Fair” que todos os anos se desenvolve no Parque Nacional de Monfragüe. Para min sempre é un pracer voltar a este lugar logo de coñecelo aló por un xa lonxano 1987. 

CJPB letras divertidas

Entre as actividades deste ano presentábase o Club de Jóvenes Pajareros, xurdido en Burgos e con vocación de ser replicado en calquera lugar no que un grupo de nenos queiran ser guiados por algún pai, nai ou “pajarero” maior. Para a presentar a actividade que mellor que vaiades ao seu blog, e qué mellor crónica que a que eles mesmos contan. Reproducimos o seu logo feito por outro paxareiro, Gorka Gorospe, que ademáis é un dibuxante caralludo.

E a partir de agora xa sabedes, quen queira replicar a actividade que se manifeste!!

Os nosos parabéns aos inventores deste club e sobre todo, aos nenos e nenas que nel participan. Darán moito que falar ornitolóxicamente falando!

Na FIO atopamos moitas actividades para nenos e nenas. Aquí a Rubia participando, nin máis nin menos, que nunha obra de teatro sobre as aves de Monfragüe. Tocoulle ser bufo real!

Na FIO atopamos moitas actividades para nenos e nenas. Aquí a Rubia participando, nin máis nin menos, que nunha obra de teatro sobre as aves de Monfragüe. Tocoulle ser bufo real!