Durmidoiros, espectáculo invernal 3

O panorama dos dumidoiros de aves en inverno en Santiago de Compostela non estaría completo sen darnos un paseo por dúas céntricas e urbanas prazas. Son prazas áridas, pouco acolledoras, que poderíamos pensar que non teñen interese ningún para as aves, todo o contrario.

Referímonos ás prazas de Galicia e de Vigo, ambas céntricas e sustentadas sobre apardoiros subterráneos, cheas de tráfico de vehículos e persoas. Ben, nestas prazas atopamos algunhas árbores de pouco porte, escuálidas incluso pero suficientes para que nelas se instalen sendos dumidoiros de lavandeira branca (Motacilla alba). Son aves comúns, características de medios rurais e urbanos, coñecidas por todos, confiadas.

_DSC0310

Reunirse en durmidoiros tan netamente urbanos ten as súas vantaxes: evítanse os depredadores e a temperatura é lixeiramente superior. Dúas vantaxes definitivas para a supervivencia invernal. Contemplar estes durmidoiros non pode ser máis sinxelo e ao alcance de calquera, basta poñerse en calquera esquina da praza no serán. (Ambas prazas están agora sendo remodeladas polo que o estado dos durmidoiros é lixeiramente peor que outros invernos. Conservarán ás árbores que é o fundamental).

Tempada de merlos acuáticos

Santiago de Compostela ten dous ríos, o Sar e o Sarela, que flanquean a cidade. A verdade é que máis que ríos son pequenos regatos. Por iso, unha especie característica dos ríos europeos, o merlo acuático (Cinclus cinclus) non se prodiga moito por eles. Estas interesantes aves precisan correntes de augas limpas, rápidas, osixenadas, onde atopan os macroinvertebrados acuáticos dos que se alimentan, pero tamén precisan anchuras de río mínimas e esto non se da durante todo o ano nos dous ríos picheleiros. Xustamente agora, no inverno coas enchentes polas abondosas precipitacións algún exemplar pode subir polos ríos arriba e así pódese observar. Así que é un bo momento para pasear á beira dos ríos e contemplar, ou non, esta especie de doada identificación e de hábitos ben chamativos: é unha pequena ave que pode mergullarse mesmo en correntes moi fortes, camiñando polo leito do río e alimentándose nel; para elo, a súa plumaxe é embadurnada con grasa propia para impermeabilizala procedente da súa glándula uropixial.

Un merlo acuático, sinxelo de identificar

Un merlo acuático, sinxelo de identificar