Durmidoiros, espectáculo invernal 2

Hai uns días falábamos dos durmidoiros de estorniños, pero non é esta especie, ou para ser exacto, estas dúas especies, as únicas que forma durmidoiros espectaculares en plena cidade. Neste caso lembrámonos das nosas veciñas, as pegas (Pica pica) ou urracas, en castelán. Son moi comúns, como xa vimos noutras entradas, un córvido familar e listo, adaptable e que, debido ao común que é a especie, parece que non sempre sabemos apreciar a sua indubidable fermosura. Pois ben, esta especie agrúpase tamén en durmidoiros en árbores na cidade. Neles protéxense unhas a outras da posible presenza de depredadores, que na cidade son menos que no campo, xogan coa vantaxe de ter luz (das farolas) de noite e uns grados máis de temperatura. En Santiago podemos verlas no entorno do Auditorio de Galicia e no Campus sur. Deixámosvos unhas fotos tomadas xa de noite a luzo do flash e das farolas. 

_DSC5687 _DSC5690

Advertisement

Falcón peregrino

Hoxe, días 18 de decembro, as 7.43 da mañá, un falcón peregrino (Falco peregrinus) abátese sobre unha pomba na céntrica praza de Vigo. Nese intre da mañá no que o día dubida se vencer á noite, unha sombra cruza a pocos metros dos edificios, confusión de pombas, e a sombra leva unha pomba nas poutas.

Unha escena de caza espectacular no medio da manda de humáns que nos afanamos en chegar a tempo ao traballo, ao mercado ou a levar os nenos ao cole, todos (case) alleos ao que nos rodea, preocupados cada un de si mesmo.

Non hai semana que non obseve un par de veces o falcón peregrino a carón dos lugares que frecuento.  Como escríba hai pouco, un falcón cazaba estorniños no serán e mesmo podía filmalo cun simple móbil. Isto ven a conto de que un xornal galego pon fotos dos estorniños mentres un falcón os acosa pero nada din desa cricunstancia. O coñecemento da nosa biodiversidade próxima é un elemento cultural máis, frecuentemente esquecido

Durmidoiros, espectáculo invernal 1

Estamos en inverno e hai que aproveitar para observar determinados espectáculos naturais ao noso alcance. Refírome aos durmidoiros. Moitas especies de aves durante o seu ciclo biolóxico ou, máis comunmente, durante unha parte deste forman durmidoiros para pasar a noite. Forman durmidoiros dende pequenos paseriformes ata grandes aves rapaces.

Son moitas as vantaxes que obteñen desta costume, están máis abrigados, pódense defender mellor dos depredadores e os durmidoiros actúan, en moitos casos, como centros de información pois o estado de forma duns ou doutros individuos informa indirectamente sobre boas fontes de alimentación no entorno.

E curiosamente, ou non, moitos durmidoiros atópanse en cidades, as razóns son obvias: nas cidades a temperatura é lixeiramente superior ao entorno no campo e o número e abundancia de depredadores é menor, así que ben paga a pena aguantar aos pesados dos humanos, os seus coches e raros costumes. No inverno os durmidoiros de varias especies son frecuentes nas cidades e son chave para a supervivencia de moitos individuos destas especies. Hoxe vou falar dun durmidoiro de estorniños que podemos atopar nas inmediacións do Auditorio de Galicia. Na Península Ibérica podemos atopar en inverno dúas especies de estorniños, o estorniño negro (Sturnus unicolor) e o estorniño pinto (Sturnus vulgaris). A primeira especie é común criando en toda a península mentres que a segunda especie visítanos durante o inverno (inda que algún estorniño pinto cría no norte) procedente do norte e centro de Europa. Durante o inverno mextúranse nos durmidoiros inda que a maior parte destes están compostos pola especie procedente de Europa. Distinguilos, en ocasións, sen boa luz ou en voo, non é precisamente doado. Se os vemos ben, en cambio son doadamente diferenciables.

Deixo unhas fotos do durmidoiro do que falo ao que fumos a Rubia e máis eu.

_DSC5616

Os estorniños facendo a súa fascinante danza aérea.

_DSC5657

Xa pousados nas árbores que lles serven de durmidoiros tomamos unha foto deles cun tele-flash

_DSC5623 _DSC5628O que moitas persoas, das que quedan fascinandas cos seus voos no serán, ignoran é porqué executan esa especie de baile conxunto, unha coreografía que debuxa formas imposibles no aire do lusco-fusco. A razón non é outra que os depredadores alados; tal concentración de presas, de proteína, é moi atractiva a aves rapaces ornitófagas como gaviáns, azores ou falcóns. E efectivamente, ademáis de contemplar os estorniños estos se defenderon elegantemente primeiro dun gavián (Accipiter nisus) e logo dun falcón peregrino (Falco peregrinus) que os acosou repetidamente. E para velo nada mellor que un video onde podemos apreciar o falcón (e de paso unha disquisición numérica da Rubia, cántos hai? 🙂  )