Hai uns meses falaba dunhas anduriñas, as anduriñas de cu branco. Son aves comedoras de insectos que atrapan en voo e todo o mundo sabe, inda que só sexa polo famoso poema de Bécquer, que as anduriñas veñen tan só en primavera e verán e pasan o inverno en latitudes máis meridionais, en África, mentres aquí pasamos frío. Pois ben, hai unha especie fascinante de anduriñas que aguantan aquí todo o inverno con nos. Trátase das anduriñas de os penedos (Ptyonoprogne rupestris). Son de cor marrón en xeral, de corpo robusto e como o seu nome indica están ligadas a penedos, onde ubican os seus niños, así é sinxelo velas en cantís, rochedos, de case calquera lugar. Agora ben en Santiago de Compostela temos algúns fantásticos “cantís” feitos polo home, o máis famoso deles, a catedral, aportando deste xeito o medio rupícola aos hábitats locais.
A miña recomendación, para os días que non chove, é achegarnos polo entorno da catedral onde as poderemos observar con facilidade en torno ás torres capturando o, supostamente, escaso insectos exitentes. Aquí deixo algunhas fotos.