Un confiado pimpín

Hai individuos que son auténticamente confiados. Pese a ser característico de bosques e outras medios forestais, os pimpíns (Fringilla coelebs) – o pinzón común, en castelán- localizamos un exemplar femia nun dos lugares máis urbanos de Santiago de Compostela, a praza de Vigo. Con apenas unhas pequenas árbores sobre un artificial mundo de cemento, este exemplar alimentábase con total confianza, tanto que permitiu a aproximación de case toda a familia, incluíndo ao curmán Dani, e mesmo poidémoslle sacar fotos cun simple móbil. Aquí deixovos unhas fotos do evento.

Imaxe

Imaxe

Imaxe

Xusto á dereita das miñas nenas, sobre o primeiro escalón, o pimpín bótase a voar

Os pimpíns poden parecer paxariños pouco interesantes, de tan comúns que son, pero quizáis moitas persoas ignoran que foron clave para que Darwin dera coa súa teoría da evolución: el coñecía os pimpíns europeos e ao chegar ás illas Galápagos observou como as especies alí presentes diverxían morfolóxicamente en función da súa alimentación. Tirou do fío. Nos tamén podemos facelo en plena praza de Vigo.

Advertisement

Outono, punto de inflexión: o papamoscas

O outono é ese momento en que moitas especies de aves nidificantes marchan cara ás súas áreas de invernada, xeralmente África, e moitas outras que crían máis ao norte veñen a establecerse no inverno con nos. Entre as primeiras podemos citar aos vencellos, as andoriñas, as andoriñas de cu branco, os picanzos vermellos, etc. e entre ás segundas os corvos mariños grandes, diversas anátidas, gaivotas choronas, úbalos, etc. Sen dúbida, moito cambio.

Pero o outono é unha época particularmente excitante para os observadores de aves porque podemos observar a un terceiro grupo de aves: as migratorias, que dende as súas áreas setentrionais de aniñamento viaxan ao sur pasando polos nosos campos, bosques, humidais e litoral. Así durante esta época incluso en cidades podemos observar especies que tan só nos visitan durante uns días. Unha destas especies é o Papamoscas (Ficedula hypoleuca) – papamoscas cerrojillo, en castelán-. Trátase dunha pequena ave, discreta, que adoita a estar entre a vexetación de bosquetes, mato, etc. Estes días nas áreas periféricas da cidade e en Parques como o da Granxa do Xesto podemos velos: a carón da área de xogos infantil un discreto macho alimentábase no chan, refuxiándose nun pequeno carballo cando un neno ou un papá se achegaba demasiado. Hai que estar atentos, son discretos e tan só están uns días conosco.

Deixovos unha foto deste paxariño tan interesante (de Juan Emilio, Creative Commons)

SONY DSC

 

A gralla pequena, ave do ano 2013

A gralla pequena (Corvus monedula), en castelán grajilla,  é un pequeno córvido que vive e cría, xeralmente, de xeito social. Para aniñar escolle rochedos, cantís e, sobre todo, vellos edificios con ocos. Ten unha alimentación omnívora e, en Galicia, está en regresión. Quere esto dicir que cada vez parece haber menos. E non sabemos moi ben porqué. Por iso a Sociedade Galega de Orntiloxía (SGO) declarouna ave do ano 2013 e está a facer un singular esforzo colectivo por saber cántas hai e ónde, o primeiro paso para coñecer máis sobre elas e saber qué lles pode estar pasando.

Coincide que en moitas cidades e vilas, con cascos ou edificios históricos, son comúns e os sus característicos reclamos forman parte da paisaxe sonora destas. Así ocorre tamén en Santiago de Compostela onde podemos observalas na zona vella, na Alameda ou no Campus, sobre todo. Bo exemplo delo é que poidemos observalas sobre a mesma estatua de Méndez Nuñez na Alameda. Toda a familia puidemos disfrutar delas. Cando marchamos pensamos que ogallá non nos abandonen nunca e para iso, qué mellor que enviar todas as observacións da especie á SGO.

Estoico, Méndez Nuñez  recibe ás grallas pequenas

Estoico, Méndez Nuñez recibe ás grallas pequenas

Nesta entrada sobre aves en Lugo podedes ver unha foto máis detallada destes intelixentes córvidos.

Santiago de Compostela, cidade de gaivotas

Retomamos a actividade do blog, logo dun mes, agosto, no que non estivemos por aquí. Observamos moitas aves, pero noutros lugares diferentes, as aves son viaxeiras natas e o observador de aves vai tras delas nunha sorte de peregrinación variable.

Comentabamos en datas anteriores, aquí e logo aquí, a nidificación de gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) sobre o Hospital Gil Casares. Pois ben, pouco antes de marchar de vacacións un pracenteiro e familiar paseo casual pola zona vella permitiunos descubrir nunha das prazas máis bonitas de Europa (non, non é o Obradoiro), máis polos de gaivota. Dende a praza da Quintana e sobre a non menos famosa Casa da Parra, poidemos ver como uns adultos se pousaban e, inda que non levabamos prismáticos, fumos quen de descubrir uns polos xa bastante medrados que teñen unha privilexiada e monumental vista dende o seu patio de xogos. Fotografiámolos cunha pequena cámara compacta polo que as fotos non son boas mais serven para ilustrar esta entrada.

Adultos sobrevolando e pousados nos edificios circundantes puxéronnos sobre aviso

Adultos sobrevolando e pousados nos edificios circundantes puxéronnos sobre aviso

Vista do tellado, se vos fixades, aí están os polos

Vista do tellado, se vos fixades, aí están os polos

poliños recortados

E os polos pedíndolle comida a un proxenitor

E os polos pedíndolle comida a un proxenitor

Sería interesante coñecer cántas parellas de gaivota patiamarela aniñan en plena cidade e qué éxito teñen na reproducción, quizáis cambiaramos un pouco a nosa percepción da cidade e os seus tellados.