Polos de gaivota

Poden pasar inadvertidos tres polos -ben gordiños- sobre un tellado sen practicamente lugar onde agocharse? Si, poden!

Santiago de Compostela, ao igual que en moitas cidades, pobos e vilas, da península Ibérica está habitada por unhas aves singulares, as gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) – gaviota patiamarilla, en castelán-. Singulares porque moitas desas áreas urbanas non teñen o mar cerca e, en principio, esta especie de gaivota é unha ave característica de entornos litorais. Agora ben, con tal  de ter algo de auga e boas fontes de alimentación poden vivir perfectamente nas áreas urbanas. E incluso chegar a nidificar, tal é o caso de moitas cidades e vilas galegas. Incluíndo Santiago. Aquí, esta especie criaba, ata non hai moito en diferentes tellados do casco vello, sendo francamente difícil avaliar a poboación nidificante de xeito preciso xa que para elo hai que ver as parellas e/ou os niños e iso é difícil se non tes acceso visual a todos os tellados da cidade. En Santiago de  Compostela estímase a súa poboación en 10 parellas mentres que en Pontevedra, por exemplo, estimamos que hai unhas 60 parellas. En España estímase que hai un mínimo de 4.598 parellas. Non está nada mal. 

O caso é que hai un par de anos, dende casa, viamos pasar moitas gaivotas pero con comportamentos territoriais, etc así que sospeitamos que tiñan que nidificar nun lugar próximo e pensamos qué tellado vello habería cerca (gustan de empregar tellados vellos, non os novos e lustrosos dos edificións máis modernos). Pronto dimos con el, nin máis nin menos que o tellado do vello Hospital Gil Casares, fronte ao moderno Hospital Clínico.

Así que este ano fumos ver en detalle cómo andaba a nidificación.

DSCN1785

Pero a tarefa era moi dura porque aínda que estabamos a ver un adulto, non viamos poliños por ningures, así que empregamos o telescopio

DSCN1782

E, francamente, estabámonos a desilusionar un pouco porque inda que observabamos ben o adulto, non había rastro de poliños. A Rubia continuaba enganchada ao telescopio e de pronto berrou “vexo polos, vexo moitos polos” completamente alporizada: acaba de descubrir ela soa, efectivamente, 3 polos de gaivota que, supoño eu, debían de estar escondidos tras unha das chemineas.

_DSC9745

Inmediatamente despois apareceu o outro adulto cun gran display

_DSC9751

Intentamos ver o outro lado do tellado, sospeitamos que podería haber máis parellas pero non atopamos ningún lugar con perspectiva.

Tamén o bo é que alí mesmo había un niño de merlo (Turdus merula), velaí o macho levando comida para os polos

_DSC9756

Aínda vimos máis cousas no breve paseo (antes de que a chuvia volvera). Unha familia de pegas (Pica pica)

_DSC9763

E xa na porta de casa, un polo volantón de rabirrubio (Phoenicurus ochruros) que mesmo pillou un insecto diante de nos.

_DSC9780

_DSC9777

E por último un macho de pardal (Passer domesticus) cun bo aporte para construír o niño.

_DSC9783

A historia non rematou aquí. Ao día seguinte -hoxe- a Rubia confesou que as gaivotas eran os seus paxaros favoritos e que quería facer un seguimento detallado dos poliños. Queda moito traballo…

Advertisement

Máis aves comedoras de miñocas

DSC_8309

O 41 de maio veu frío e chuviñento, así que as miñocas estaban polo chan. Foi o que observamos indo ao cole. Xusto cando estabamos chegando, un dos habituais, o rabirubio (Phoenicurus ochruros) – ou colirrojo tizón en castelán- sorprendeunos apañando unha pequena miñoca na beirarrúa e levándoa no peteiro.

Realmente é sorprendente a importancia que poden ter estes anélidos, que mesmo unha especie que, en principio, non a debera ter na súa dieta, pois é netamente insectívoro,  mesmo come un exemplar, pequeno eso si. Unha excelente observación a menos de 50 metros da porta do cole

Máis aves rapaces

Recentemente, cando estivemos observando aves dende a muralla romana de Lugo, tivemos a sorte de observar un falcón peregrino (Falco peregrinus). Varias persoas preguntáronme pola especie, en concreto se era normal ou habitual a especie en medios urbanos e, lóxicamente, se a había en Santiago. A resposta a todas estas preguntas é si.

A especie é frecuente en cidades de todo o mundo. Aproveitan ao igual que aquí os edificios altos como oteadoiros ou para aniñar, como farían na natureza cos rochedos ou cantís. Hai Falcóns peregrinos dende Nova York ata Barcelona, Lugo, A Coruña, Pontevedra, Vigo… e Santiago de Compostela.  Aquí pódese ver frecuentemente nas torres da catedral – en ocasións incluso xa en plena noite- ou noutros edificios altos da cidade. Noutras ocasións, paseando baixo eses mesmos edificios atopamos restos da súa comida: as ás unidas polo esternón dalgunha ave presa súa.

Ven esto a conto de que como un pasa ao final da semana unhas cantas horas nos parques infantís sempre acabo mirando para arriba e case é rara a semana que non se ve algún. Frente ao parque de casa a semana pasada vin un, un clásico. Noutra ocasión vimos como capturaba unha pomba doméstica e, pousado no Hotel Peregrino, comíaa. E non é un chiste, aquí está unha foto (mala) co móbil, a ver se sodes capaces de ver onde está o falcón

Imaxe

Pero falcóns e miñatos non son as únicas aves rapaces que se deixan ver por Santiago. Hoxe mesmo nunha rotonda da periferia apareceu un ave pouco común por aquí. Tratábase dunha águia calzada (Aquila pennata). É unha ave relativamente común, frecuente noutras zonas e que en Galicia está presente nas áreas mellor conservadas do interior, pero que na provincia de A Coruña non é particularmente común. Qué facía este exemplar collendo altura nunha rotonda? quizáis un individuo divangante, quizáis fracasou na reproducción e está coñecendo novos lugares… nin idea. Aquí deixovos unha foto tomada sen saír do coche

Imaxe

Continuarei falando de rapaces, sen dúbida