Merlos

Unha das aves que constantemente poden ser observadas na cidade son os merlos (Turdus merula) – mirlo común en castelán-. Realmente é unha especie común en calquera lugar que teña algún prado, unha horta… Na cidade, os parques, xardíns e hortas acollen a multitude deles. É moi frecuente observalos alimentándose de miñocas tras unha chuvia.

O que as veces pode sorprender é que aniñen de xeito descarado, prácticamente á vista de todo o mundo. Esta parella escolleu un lugar coñecido da Granxa do Xesto para poñer o seu niño. Podemos ver a femia chocando os ovos.

Imaxe

Sen dúbida falaremos moito máis de merlos!

Advertisement

Aves en … Lugo

En ocasións para facer algo ben chulo non fan falla uns recursos espectaculares. O máis importante é o entusiasmo dun grupo de persoas que quixeron celebrar en Lugo o Día Mundial das Aves Migratorias. Aquí e aquí podedes ter algo máis de información sobre este evento internacional do que xa falei.

Razóns para facer unha celebración en Lugo, precisamente, hai moitas. Unha delas é que unha das aves migratorias máis fascinantes, da que xa din boa conta, os vencellos, cirrios ou anduróns -vencejos en castelán- (Apus apus), ten en Lugo, particularmente na súa muralla romana unha das colonias máis importantes de Galicia, senón a máis grande. Espectaculares bandos pasan a escasos centímetros das persoas que no serán pasean polo adarve. A cuestión é que este importante patrimonio histórico – e natural- precisa ser mantido: a vexetación medra nas súas grietas e hai que retirala. O triste é que ás autoridades non se lles ocurre mellor idea que facelo botando herbicida. E non so aves, a cantidade de lagartixas, por exemplo, que podemos (ou polo menos, podíamos) atopar é importante.  Así que o de onte foi un acto festivo pero tamén reivindicativo. Algún medio de comunicación recolle o evento.

Pola mañán houbo unha intervención artísitca de Luz Darriba e pola tarde, en representación da SGO,  fun guiar unha pequena excursión polo adarve para observar as aves e charlar sobre elas. Nuns poucos de metros poidemos ver algunhas especies ben chulas.

Imaxe

Grupo de entusiastas observadores de aves na muralla

Centrámonos en ver e charlar sobre vencellos: a súa vida, para quen a descubre, é sorprendente. Pasan con nos, criando, uns meses -de abril a xullo-, logo regresan a África. En toda a súa vida so se pousan para reproducirse, esto é nun niño que debe estar colgado nalgún edificio; aliméntanse, beben, durmen e copulan no aire, non é absolutamente asombroso? A gran cantidade de preguntas que suscitaron é boa mostra do fascinante da súa vida. Aquí podemos ver unhas cantas imaxes dos vencellos

ImaxeImaxeImaxeImaxe

Se ben, unha das especies que máis asombrou aos esforazados observadores (non é broma, o frío que ía era para pensalo) foi o falcón peregrino (Falco peregrinus). Dende finais dos 80 esta especie é común na cidade, chegando a criar, algún ano, na catedral, e noutras ocasións en diferentes edificios da cidade.

falcon lugo1falcon lugo pequenofalcon lugo 2Compre resaltar que observamos numerosas grallas pequenas ou corvos cereixeiros (Corvus monedula) – grajilla en castelán-. É este un córvido que ten por costume nidificar tamén en entornos urbanos, concretamente en vellos edificios e nas grietas dos novos como poidemos comprobar, inda que tamén podemos atopalo facendo niños en cortados rochosos do interior e da costa. Nos últimos anos, en Galicia, esta especie non está precisamente no seu mellor momento de conservación polo que foi declarada ave do ano 2013 pola SGO, sendo obxecto dun seguimento específico. En Lugo, afortunadamente, aínda parece unha especie frecuente que, confiada, permite deleitarse coa sua elegancia austera.

Imaxe

Pero ainda houbo máis: pegas (Pica pica), merlos (Turdus merula) que en Lugo teñen o nome de checorosas, pardais (Passer domesticus)…, e como postre, un millafre negro (Milvus migrans) – milano negro- outra ave migratoria que, seguramente, procedente das beiras do Miño, decidiu a dar un paseo urbán.

Imaxe

Lembrade que aquí podedes ver máis información sobre as aves urbanas en Lugo así como os mellores roteiros e lugares para observalas.

E, a miña noraboa ás organizadoras!

Rapaces en plena cidade?

Sen dúbida, un dos grupos de aves que más atrae a todos, sexan principiantes ou profesionais, son as aves rapaces. Motivos, hai moitos pero eu destaco un, son depredadores, e a todos os pobos e culturas do mundo lles fascinan os depredadores (inda que, convertidos en obsesión, se afanen en perseguilos).

O centro dunha cidade non parece un bo lugar para depredadores, para aves rapaces en concreto. Pero haber hainas. Neste caso, a carón de casa, e mentres iniciaba a maior no baloncesto, observamos cicleando dous miñatos (Buteo buteo – ratonero común ou busardo ratonero), tamén coñecido, en galego, como miato, buxato, lamote, lamoeiro. Como podedes imaxinar tal cantidade de nomes pode indicar que está moi ampliamente distribuído, de feito é a rapaz máis abundante de Europa, e é doadamente visible.

Aquí, poño unha foto dun, un pouco mala, non teño outra a man.

Imaxe

Algúns rasgos para a súa identificación son apreciables na foto: cola en abanico, ás anchas, cabeza compacta, cores xerais pardas…

Continuaremos coas rapaces da cidade noutro momento, seguro que máis de un se sorprende…

CSI Compostela. Ou o perigo dos cristais

Imaxe

Onte pola tarde, nun lugar tan pouco atractivo, en principio, para as aves como a Praza Roxa, en pleno ensanche compostelano atopamos un cadáver. Inmediatamente chamou a nosa atención e puxemos moito empeño en sacar conclusións. En primeiro lugar observamos que se trataba dun picafollas ibérico (Phylloscopus ibericus – mosquitero ibérico), un paxaro máis propio de bosques e campiña inda que tamén o podemos atopar nos parques. Pero qué facía alí morto, no medio un entorno de cemento? e cómo morrera?

Vimos que tiña danos no peteiro, cabeza e pescozo. Logo de mirar para o chan un pouco decidimos levantar a cabeza e isto foi o que nos atopamos:

cristalNi máis nin menos que unha barreira de cristal a uns 3 metros de altura. Escudriñando o cristal poidemos ver unha pequena mancha de sangue. Deducimos que o picafollas pasara por alí, non vira o cristal (eu opinaba que non se veía ben, a Rubia que o picafollas debía de estar enfermo) e chocara contra el. Apoveitei para contarlle a cantidade de aves que morren contra os cristais dos edificios ao longo de todo o mundo, e mesmo que un neno inventara un sistema para que eso non ocurra.

E moito ollo! estas barreiras de cristal están de moda e podemos velas habitualmente en moitos edificios modernos.

Números. 2ª parte

Este só é un pequeno cacho dun dos parques polos que pasamos camiño do cole: hogar permanente de merlos, lavandeiras, rabirrubios e, en iverno picas dos prodos (bisbitas comunes)

Este só é un pequeno cacho dun dos parques polos que pasamos camiño do cole: hogar permanente de merlos, lavandeiras, rabirrubios e, en inverno picas dos prados (bisbitas comunes)

De novo hoxe, de camiño ao cole, continuamos o noso particular inventario, volvemos a rexistrar todas as especies detectadas, comprobando que, efectivamente, “faltaban” algunhas. Estas foron:

  1. Pega (Pica pica- pega)
  2. Gaivota patiamarela (Larus michahellis– gaviota patiamarilla)
  3. Liñaceiro (Carduelis cannabina – pardillo común) e
  4. Cornacha (Corvus corone – corneja negra)

En total 4 especies máis que suman 10 nun recorrido de 8 minutos a ritmo de nena de 5 anos. Continuaremos informando porque aínda “faltan” máis especies: por exemplo os vencellos que estos días fríos e de ceo anubado, deben de estar voando por riba das nubes.

Números

Hoxe fixemos unha proba. De casa ao cole, anotamos todas as especies de aves detectadas (vistas e oidas). Ata agora simplemente iámolas identificando e disfrutando. Hoxe contamos as especies (a Riqueza). Saíu esto:

  1. Pardal común (Passer domesticus – gorrión comun)
  2. Estorniño negro (Sturnus unicolor – estornino negro)
  3. Carrizo (Troglodytes troglodytes – Chochín)
  4. Papuxa das amouras (Sylvia atricapilla – curruca capirotada)
  5. Merlo (ou checorosa) (Turdus merula– mirlo común)
  6. Rabirrubio (Phoenicurus ochruros – colirrojo tizón)

En total 6 especies. Pouco para o que é habitual, quizáis o día inusualmente frío e chuvioso tivo a culpa. Fallaron algunhas especies “seguras”  como as gaivotas patiamarelas (Larus michahellis– gaviota patiamarilla) ou mesmo os pombos (Columba palumbus – paloma torcaz).

Conclúo que para coñecer a comunidade de aves dun lugar, neste caso transecto casa-cole, hai que facer varios mostraxes. Pregúntame que é unha mostraxe….

Faremos este exercicio máis veces. Cando o teñamos dominado, contaremos cantos individuos hai de cada especie.

A dura vida da cidade

ImaxeA vida urbana é implacabe. En apenas uns metros cadrados cubertos por codesos (Adenocarpus), a carón dun pequeno parque, vivía una leda parella de chascas (Saxicola torquata -tarabillas-). Case a diario paso coa Rubia por alí camiño do seu cole e adoitabamos miralas e observar que estaban a facer. Hai algúns días, alguén decidiu adecentar o lugar. Esto lembrame o importante que é manter sitios “salvaxes”, inda que sexan tan ínfimos e marxinais como ese pequeno descampado de mato.

Imaxe

A especie en cuestión: unha chasca (Saxicola torquata), un habitante habitual de áreas de mato e campiña.

Vencellos 3: Xa están aquí

Chegaron. Apenas unhas horas despois de escribir que ainda non chegaran, aquí están. Os vencellos, en realidade, non chegan senón que irrumpen. Creo que esta palabra debeu xurdir cos eles. Unhas horas antes non había ningún, agora hai ducias enchendo o ambiente.

Aproveitando que era o día grande das festas da Ascensión e xa que fumos a feira, decidimos que a noria era o mellor lugar para comprobar se efectivamente chegaran. Só montamos a miña filla maior, a Rubia, e máis eu. A pequecha, a Loira, quedou en terra.

A noria nas festas da Ascensión

A noria nas festas da Ascensión

Ascendimos na noria da Ascensión. E efectivamente alí estaban!! había poucos pero eran perfectamente visibles. O frío seguía a ser insólito nesta época do ano, máis, arriba de todo, co vento que soplaba.

A rubia mirando os vencellos

A rubia mirando os vencellos

DSCN1260As vistas son magníficas

Máis tarde, xa na rúa poidemos observar moitos máis! A Rubia preguntome cal era a súa casa: quedei comprometido a ensinarlle niños de vencellos outro día.

Vencellos na rúa. Foto feita cunha cámara sinxela e recortada (comno se poderá apreciar).

Vencellos na rúa. Foto feita cunha cámara sinxela e recortada (como se poderá apreciar).

Vencellos 2

9 de maio. Os vencellos aínda non chegaron. Respecto ao ano pasado levan xa case 15 días de retraso (15!). A temperatura fora é realmente baixa para a época.

Vanse perder unha celebración: o día internacional das aves migratorias. Trátase dunha campaña de concienciación ambiental global creado polo PNUMA (o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente).

Aquí deixovos o video creado para o evento este ano 

Vencellos!!

ImaxeEsta primeira entrada non podía ser para outra especie: o vencello (Apus apus), tamén coñecido como cirrio ou mesmo anduróns (en castelán, vencejos). Digo que non podía ser para outra especie porque se trata dunha netamente urbana – e rural, claro- que cos seus berridos enche o aire das cálidas noites de primavera e principio de verán. Tanto é así que o meu pasiaxe infantil xogando na rúa en esta época é indisociable das súas chamadas. É unha especie interesante por moitas razóns que contarei outro día. Hoxe quero resaltar que estamos a 7 de maio (7 de maio!) e ainda non chegaron  a Santiago das súas africanas áreas de invernada. Esto é insólito porque normalmente chegaban ao redor do 25 de abril, pero este ano co frío e a chuvia estanse a retrasar en serio.

Están ás portas de chegar, en canto o fagan notarémolo e contarei máis cousas sobre eles.